DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na posición 801 das 20531 institucións analizadas nesta clasificación

A UVigo, no top 4% das universidades do mundo segundo o ránking CWUR

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Calidade
  • HRS4R
  • Investigación
  • Institucional
M. Del Río DUVI 15/05/2023

A Universidade de Vigo sitúase no top 4% de entre máis de 20.000 universidades de todo o mundo incluídas na edición de 2023 da lista Global 2000 que elabora o Center for World University Rankings (CWUR). Segundo esta clasificación que se fixo pública este luns, a institución viguesa ocupa o posto 807 de entre 20.531 universidades analizadas, o que a sitúa, como indican dende o CWUR no “top 4% no mundo” entre as 2000 mellores cunha puntuación de 71.7. Na clasificación rexional europea ocupa o posto 314, mentres que no ránking nacional correspóndelle sitúase no 27, entre un total de 52 universidades españolas incluídas nesta listaxe.

Ademais, esta clasificación tamén realiza análises por eidos e, precisamente, no que atinxe á investigación a UVigo logra situarse no ránking mundial no posto 765, unha posición máis alta da que a que obtén na clasificación xeral.

Á fronte do ránking CWUR está, un ano máis, a Universidade de Harvard, cunha puntuación de 100 sobre 100 puntos posibles, seguida do Massachusetts Institute of Technology (MIT), con 96.7 puntos e da Stanford University, con 95.2 puntos, consolidando o podio para as institucións estadounidenses. Completan os primeiros cinco postos dúas universidades europeas: Cambridge e Oxford, con 94.1 e 93.3 puntos, respectivamente. Os seguintes postos da táboa están ocupados por universidades de EEUU, ata chegar ao número 13, onde aparece a primeira universidade asiática, a de Tokio, con 89.8 puntos. A primeira representante española é a Universidade de Barcelona, no posto 137, con 80.6 puntos, seguida da Autónoma de Barcelona, no posto 190 con 79.0 puntos e da Complutense de Madrid, con 77.7 puntos. Respecto das galegas, a Universidade de Santiago de Compostela ocupa o posto 487 con 77.7 puntos e a da Coruña o 1014 con 70.3.

Metodoloxía e indicadores

Para a realización deste ránking CWUR emprega sete indicadores baseados en resultados agrupados en catro áreas para clasificar las universidades del mundo. Por unha banda, analizan os indicadores relativos á educación, atendendo ao éxito académico do alumnado egresados e medido polo número de ex estudantes que recibiron distincións académicas superiores en relación co tamaño da universidade (25 %). Por outra banda tamén se ten en conta a empregabilidade e o éxito profesional das e dos egresados, medido polo número alumni que ocupan postos destacados en empresas en relación co tamaño da universidade (25 %). Unha terceira área correspóndese co profesorado, medida polo número de docentes que teñen recibido distincións académicas superiores (10%). Finalmente, a clasificación avalía o I+D+i atendendo a catro aspectos. Por unha banda, os resultados da investigación medidos segundo o número total de artigos de investigación (10%); por outra, as publicacións de alta calidade, atendendo ao número artigos que aparecen en revistas de primeiro nivel (10%); un terceiro indicador é a influencia, medida polo número de artigos de investigación que aparecen en revistas de grande impacto (10%); e finalmente, avalíase o número de artigos de investigación moi citados (10 %).

Os indicadores obxectivos empréganse para estes catro piares claves sen depender de enquisas nin de envíos de datos universitarios e, como indican dende CWUR, poñendo a mesma énfase “nos indicadores relacionados co estudantado e o profesorado”. Para realizar a clasificación empregáronse 62 millóns de puntos de datos baseados en resultados de 20.531 universidades de todo o mundo.