DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto de cooperación cos poderes xudiciais de Costa Rica, Paraguai, México e Rep. Dominicana 

UVigo e USC contribúen á formación en xustiza terapéutica dos axentes xudiciais de América Latina

Unha das accións é o congreso internacional que terá lugar a vindeira semana

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Investigación
DUVI Pontevedra 04/11/2021

No marco do programa de cooperación triangular con América Latina e o Caribe Adelante 2, cofinanciado pola Unión Europea, os poderes xudiciais de Costa Rica, Paraguai e o Estado de México conformaron, xunto coas universidades de Vigo e Santiago de Compostela (USC), unha “alianza” dirixida a promover a formación en xustiza terapéutica e restaurativa, na que participa tamén o Poder Xudicial da República Dominicana. O obxectivo deste proxecto, segundo recolle a súa memoria, é promover un espazo de reflexión e intercambio de experiencias e boas prácticas nestes dous ámbitos, co propósito de fomentar nos diferentes países participantes un acceso á xustiza “sen ningún tipo de discriminación” e tendo en conta especialmente “as necesidades e particularidades” de “poboacións en condicións de vulnerabilidade, como indíxenas, mulleres e menores”.

Coa participación do grupo de investigación PS-1 da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da UVigo e da Unidade de Psicoloxía Forense da USC, entre as accións promovidas no marco desta alianza insírese o II Congreso Internacional sobre Xustiza Restaurativa e Xustiza Terapéutica, que terá lugar entre o vindeiro martes 9 e o xoves 11 en Costa Rica, combinando a asistencia presencial e virtual. O congreso, que será inaugurado pola vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Maribel Doval, prevé reunir preto de 500 persoas, como apunta a catedrática de Psicoloxía Xurídica do Menor e coordinadora do grupo PS-1, Francisca Fariña. Este foro internacional terá como eixo central o reto que a pandemia e a virtualidade supuxeron para a continuidade da xustiza restaurativa e reúne como conferenciantes máis dunha vintena de académicos e profesionais da xudicatura, da fiscalía, da psicoloxía e da mediación dos diferentes países participantes.

Dous paradigmas que comparten principios e obxectivos

“O propósito deste proxecto é intercambiar boas prácticas e poder trasladar a cada país aquelas que resultaron eficientes, ademais de mellorar a formación en xustiza restaurativa e terapéutica”, sinala Fariña, que incide nese senso en que se ben ambas “comparten algúns principios e obxectivos, non son coincidentes”. A xustiza terapéutica, lembra, é un paradigma centrado en que a lei, os seus procedementos e a súa aplicación busquen “o maior benestar posible nas persoas que acoden ao sistema legal”, mentres que a xustiza restaurativa “céntrase principalmente no ámbito penal” e no impulso dos “encontros restaurativos entre vítimas e vitimarios, baixo a premisa de que a xustiza non é igual a castigo e a necesidade de que o ofensor recoñeza ao dano causado e a vítima teña unha oportunidade de entender o ocorrido e poder superar de maneira máis positiva o feito vivido”. 

Dos fundamentos ás experiencias concretas

Con estes dous paradigmas como eixos, o congreso, que mantén aberta a súa inscrición, ten como obxectivo contribuír á formación do persoal xudicial, co propósito de dotalos de novas metodoloxías e ferramentas que garantan a “accesibilidade” desas “poboacións en condicións de vulnerabilidade” á xustiza e a vías orientadas á resolución de conflitos “dunha maneira positiva”, nun contexto marcado pola covid-19. Con esa idea, porase énfase nos ámbitos de “familia, indíxenas, xénero, execución da pena e xuvenil”, como explica Fariña, responsable da primeira das once conferencias e mesas de debate que conforman o programa deste congreso internacional.

Farao, o martes 9, nunha xornada centrada nos fundamentos da xustiza terapéutica e da xustiza restaurativa. Ao día seguinte, daranse a coñecer unha serie de experiencias desenvolvidas nos países participantes, desde a aplicación da xustiza terapéutica con perspectiva de xénero, á inclusión da “cosmovisión indíxena” nestes procesos, no caso do Estado de México, e a súa aplicación na resolución de procesos penais con participación indíxena en Costa Rica. Por último, o xoves abordaranse experiencias con menores en Paraguai, a implantación destes paradigmas nos procesos de familia en España e México e a súa aplicación no ámbito penal.

Intercambio previo de boas prácticas

Coordinada polo maxistrado da Corte Suprema de Justicia de Costa Rica e reitor de Justicia Restaurativa, Gerardo Rubén Alfaro, esta alianza impulsou previamente, entre o 28 e o 30 de setembro, un taller de intercambio de boas prácticas e experiencias, dirixido a analizar “a viabilidade de poder aplicalas noutros países, analizando o que xa existía, o que urxe e os posibles obstáculos”, salienta Fariña. De feito, un dos obxectivos do congreso, como sinala a tamén presidenta da Asociación Española de Justicia Terapéutica, é precisamente “compartir o desenvolvido e consensuado nos talleres” cos operadores e operadoras xurídicos participantes.