DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O cuestionario manterase aberto na Secretaría Virtual ata o vindeiro 7 de marzo

A UVigo valora a través dunha enquisa a posible creación dunha orquestra universitaria

O proxecto está aberto á participación de toda a comunidade universitaria e persoas egresadas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Institucional
D. Besadío DUVI 17/02/2025

A Universidade de Vigo lanzou este luns unha enquisa para valorar a posible creación dunha orquestra propia, aberta á participación de toda a comunidade universitaria e persoas egresadas, unha iniciativa que a xuízo da institución académica viguesa axudaría a fortalecer a súa oferta cultural e educativa a través dun proxecto xa probado con éxito noutras universidades, tanto galegas como españolas.

“Trátase dunha proposta cultural que, entre outros aspectos, facilitaría a cohesión entre os membros da comunidade universitaria e o sentido de pertenza á institución, incluído o grupo de alumni”, explica a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, ao que engade que, de saír adiante este proxecto, “podería amenizar distintos actos institucionais do conxunto da Universidade e, si se consolida, espallaría o nome da UVigo onde actuara, xa que poderían facelo fóra do ámbito estritamente universitario”.

Cantas persoas estarían interesadas en participar?

A través desta enquisa, dispoñible a través da Secretaría Virtual ata o 7 de marzo, a institución busca coñecer o número de persoas dos tres campus que estarían interesadas en formar parte deste proxecto. Son un total de dez preguntas nas que se busca recadar información da experiencia musical das posibles persoas interesadas -que instrumentos tocan, se teñen ou non estudos musicais regrados, experiencia previa...-, así como do seu grao de dispoñibilidade. 

“Animamos a todas as persoas que cumpran estes requisitos a cubrir esta breve enquisa e agardamos reunir o número mínimo posible para pór os primeiros chanzos deste ilusionante proxecto”, salienta Reboreda, quen afirma que o obxectivo é crear un grupo cohesionado e comprometido co proxecto.

Que fai falla para ser orquestra sinfónica?

Os instrumentos necesarios para ser orquestra sinfónica incluirían corda -violíns, violas, violoncelos, contrabaixos...-, de vento -flautas, oboes, clarinetes, fagotes, trompas, trompetas...- e de percusión, cando menos timbais. Isto sería a composición ideal, se ben a idea sería arrancar o proxecto co número de músicos que sexa posible na fase inicial, con vista a ir ampliando a información.

A proposta de creación da orquestra chegou da man de  Raquel Carrera Álvarez, profesora de violín e orquestra no Conservatorio de Ourense desde 2008, cunha experiencia de máis de 30 anos tocando en orquestras,  con formación específica en dirección de orquestra e que está en contacto directo con diferentes músicos da UVigo. “Esta idea estaba na nosa mente,  de feito nalgunha ocasión saíra tamén nas nosas conversas cos equipos directivos dos centros da Universidade”, recalcou a vicerreitora.