A andaina celebrarase este sábado
O val do río Bibei, destino dunha nova ruta cultural da UVigo
Aberta á inscrición da comunidade universitaria e da cidadanía en xeral
A programación de rutas culturais que organiza a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo continúa esta fin de semana cunha andaina polo val do río Bibei (O Bolo). A cita será o sábado, día 8 de novembro, e como en cada andaina, a inscrición está aberta á comunidade universitaria, que ten preferencia, e á cidadanía en xeral.
A actividade, que conta co apoio do Concello de O Bolo, será un percorrido de arredor de 15 quilómetros, cun desnivel acumulado de arredor de 500 metros, e unha dificultade media, realizándose paradas interpretativas durante o camiño. Segundo indican desde a organización, a andaina permitirá ás persoas que a realicen gozar dunha paisaxe moi bonita de outono, entre carballos, castaños e viñedos. No val do Bibei, explican, “crúzanse paisaxes de montes escarpados, veigas fértiles e regatos secundarios”. Na ruta haberá visitas guiadas a unha bodega, ao santuario das Ermidas e o castelo de O Bolo.
Inscrición a través de Internet
A inscrición en cada ruta cultural, que se realiza a través do Campus Activo da UVigo, está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada andaina. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada ruta permitirase a inscrición de calquera persoa interesada. O prezo depende do colectivo de pertenza en relación coa Universidade de Vigo, estando abertas á participación de persoas alleas a ela. Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Hai autobuses para trasladar ás persoas participantes desde os tres campus da UVigo. Desde a organización da actividade animan á participación ao público interesado, subliñando non só a oportunidade que dan estes roteiros de coñecer a contorna, senón “polo bo ambiente que teñen e que fai sentir moi cómodas a todas as persoas que veñen con nós ”.
Esta será a segunda das rutas culturais da UVigo deste curso, que arrancaron o pasado 25 de outubro cunha andaina polos muíños do río Loña (en Pereiro de Aguiar-Ourense) en lembranza de José García-Calvo Willy, falecido promotor e coordinador durante décadas dos roteiros universitarios. Tamén en novembro pero o día 29 celebrarase a Ruta por Rianxo e o río Té, onde ao igual que na primeira andaina os muíños e a paisaxe de río terán un protagonismo destacado. Nesta actividade homenaxearase a Castelao, incorporando fragmentos arredor da súa biografía. A programación de roteiros deste cuadrimestre rematará o 13 de decembro coa Ruta de Marquino Largano (Nogueira de Ramuín).
