DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixido a estudantes e profesionais, impartirase por primeira vez entre o venres e o domingo

A valoración e abordaxe da dor no ombro centra un curso en Fisioterapia

Orientado ao tratamento de problemas “moi comúns”, non sempre derivados de lesións estruturais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Saúde
  • Académica
DUVI Pontevedra 17/01/2022

Fonte frecuente de dores que poden estar asociados a múltiples problemáticas, o ombro constitúe, pola súa mobilidade e polo seu “enmallado muscular, tendinoso e de ligamentos, unha articulación bastante complexa”, como sinala a profesora de Fisioterapia Iris Machado. Co obxectivo de contribuír á especialización de estudantes e profesionais na valoración e abordaxe terapéutica dos problemas que pode presentar unha “das articulacións máis difíciles de tratar e nas que máis difícil é conseguir unha evolución favorable”, a facultade acolle por primeira vez un curso complementario centrado nas patoloxías asociadas a esta articulación. Dirixido por Machado e impartido polo fisioterapeuta Tito Pampín, que recentemente presentaba neste centro o seu libro No hagas del hombro tu aquiles, a primeira edición deste curso desenvolverase entre este venres 21 e o domingo 23, coas súas 20 prazas xa cubertas. 

“Pola súa particularidade biomecánica, o ombro é unha articulación suxeita a moitos trastornos”, salienta Machado, directora dun curso, Valoración e abordaxe terapéutica da patoloxía do ombro, inserido nas iniciativas da Escola Aberta de Formación Permanente (EAFP) da Universidade de Vigo. De carácter principalmente práctico, terá como docente ao egresado da facultade e ex-presidente do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia Tito Pampín, que, como sinala Machado, ten na abordaxe dos problemas asociados a esta articulación “un dos seus principais campos de traballo”. 

Pór o foco na dor e nas súas causas

Como sinala a directora deste curso, o ombro é dunha das articulacións nas que “menos concordancia existe” entre as posibles lesións que se poidan observar nunha resonancia ou unha radiografía “e a sintomatoloxía que presenta o paciente”. De aí que incida en que, alén da detección ou non dunha “estrutura lesionada”, na abordaxe deste tipo de alteracións é preciso pór o foco na “lesión funcional”, na sintomatoloxía e limitacións que este problema está a causar nas e os pacientes. “Se o equilibrio entre as estruturas non está funcionando ben, iso xera unha sintomatoloxía que ten que ser solucionada, porque do contrario si que a longo prazo pode xerarse tamén unha lesión estrutural”, sostén Machado.

“Unha disfunción no ombro pode ser por diferentes causas; ás veces de orixe cervical ou torácica, por unha dor referida dunha alteración orgánica...”, engade a directora deste curso, que subliña que os problemas de ombros “son moi comúns e poden estar relacionados con diferentes patoloxías”. Nese senso, esta iniciativa formativa porá o foco na “valoración funcional do paciente e o seu tratamento a través do exercicio terapéutico”, a prescrición de “movementos pautados co propósito de recuperar unha función que está diminuída”.

Con ese obxectivo, o curso abrangue uns primeiros módulos teóricos, dirixidos a introducir aos e ás participantes nas características de problemáticas como o síndrome subacromial, o síndrome de impingement, a tendinopatía do manguito rotador, o ombro de lanzador ou os síndromes e alteracións do movemento, cunha vertente práctica centrada nesa valoración e posterior abordaxe terapéutica. De feito, como sinala Machado, esta avaliación debe abranguer no só a exploración física do paciente senón ter en conta os diferentes “factores psicosociais” que poden ter influído “na aparición deses síntomas e en que estes se manteñan no tempo”, desde os movementos que a persoa ten que levar a cabo na súa contorna laboral, ao “xesto deportivo que realice”, pasando pola existencia de lesións previas.