DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A ferramenta permite por primeira vez analizar en tempo real a variabilidade da frecuencia cardíaca

Varse, unha aplicación para estudar as emocións ante estímulos visuais

Foi creada no marco do Laboratorio de Informática Aplicada LIA2

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Saúde
  • TIC
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 18/01/2019

Unha aplicación que permite, por primeira vez, estudar as emocións de persoas ante estímulos visuais a través do rexistro tanto da súa frecuencia cardíaca como da análise en tempo real da variabilidade do latexo. Deste xeito preséntase Varse, unha aplicación creada no marco Laboratorio de Informática Aplicada LIA2, ubicado na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense.

A ferramenta é froito da tese de doutoramento do profesor deste centro Pedro Cuesta. Presentada este curso académico baixo o título Aplicación da variabilidade da frecuencia cardíaca ao estudo das emocións, estivo dirixida por María José Lado e Xosé Antón Vila, participando tamén no desenvolvemento da aplicación José Baltasar García, Leandro Rodríguez e Arturo José Méndez. “A variabilidade da frecuencia cardíaca defínese como a variación ao longo do tempo das distancias entre latexos sucesivos do corazón e é un dos parámetros máis utilizados na análise e valoración da actividade cardíaca”, explica Pedro Cuesta. Este parámetro, subliña, permite non só coñecer o estado de saúde do corazón senón que tamén é unha medida non invasiva de ver o estado de saúde do sistema nervioso e de estudar as emocións. Por este motivo, indica, a análise da variabilidade estase empregando cada vez máis en todo tipo de ámbitos, como o deporte, a psiquiatría ou os medios de comunicación, para estudar o impacto no sistema nervioso de determinados estímulos, como pode ser por exemplo un anuncio publicitario.

Unha ferramenta aberta á comunidade científica

Varse, dispoñible para Android, “proporciona ao persoal investigador unha ferramenta de utilidade que permite rexistrar a frecuencia cardíaca mentres se levan a cabo diferentes actividades (visualización de imaxes, vídeos ou actividades que só requiren o rexistro de frecuencia cardíaca), permitindo ademais análises da variabilidade da frecuencia cardíaca de cada un dos rexistros almacenados”. Segundo explica o seu responsable, “non hai ningunha ferramenta similar, é a primeira aplicación que permite a un investigador obter datos de frecuencia cardíaca e ter datos de variabilidade no momento”. A versión final da aplicación xa está dispoñible para a súa descarga de balde xa que, recalca o profesor da Universidade de Vigo, “a nosa idea sempre é que o software que desenvolvemos no grupo se abra á comunidade científica”. De Varse destaca a súa facilidade de uso, requirindo basicamente a configuración do experimento e o rexistro de datos cunha banda cardíaca.

A ferramenta, indica Pedro Cuesta, xurdiu da colaboración con expertos do eido sanitario, concretamente da psiquiatría, que demandaban unha aplicación que permitise non só o rexistro da frecuencia cardíaca ante estímulos externos senón tamén a obtención de datos de variabilidade. “Nós o que fixemos foi avanzar na medida da variabilidade, pensando fundamentalmente en psiquiatría e en como a variabilidade podía ser realmente unha maneira de medir as emocións, de saber como está o sistema nervioso dunha persoa”, comenta. Así, explica, persoas que teñen un trastorno non responden igual, non teñen a mesma variabilidade da frecuencia cardíaca, que persoas sas ante determinados estímulos visuais.

Probada en tres experimentos

Alén da creación dunha ferramenta concreta, Pedro Cuesta subliña como o desenvolvemento de Varse permitiu xustificar como “a variabilidade cardíaca é un parámetro de utilidade no estudo das emocións”. Esta conclusión é froito de diversos experimentos de resposta a imaxes, de diagnose de psicopatía e de análise de sentimento patriota realizados con esta aplicación. No primeiro deles rexistrouse a frecuencia cardíaca dun centenar de membros da comunidade universitaria ourensá mentres visualizaban bloques de imaxes con diferente carga emocional (agradables, neutras e desagradables), atopando “diferenzas significativas por idade e sexo e segundo a orde de visualización das imaxes, sobre todo cando as imaxes desagradables se presentaban en primeiro lugar. A orde de visionado afecta aos valores de variabilidade”, indica o investigador.

Outros dous experimentos feitos para testar Varse, comenta Pedro Cuesta, foron feitos en colaboración con expertos en psiquiatría e ciencias sociais. No primeiro deles, sinala, “comprobouse que a variabilidade da frecuencia cardíaca é unha ferramenta válida para a diagnose da psicopatía” fronte aos tests empregados habitualmente. Neste caso participaron no estudo case 200 reclusos da prisión Pereiro de Aguiar. Por último, na terceira das probas estudouse a variabilidade como indicador do sentimento patriota dunha determinada poboación, “non obtendo diferenzas significativas que xustificasen a súa utilidade”, segundo indica o xa doutor. Neste caso centrouse a proba en analizar as posibles diferenzas ou semellanzas na percepción do himno de Ecuador, participando unha vintena de estudantes de dúas universidades dese país e empregando tres versións do himno, tanto en español como en linguas indíxenas.