DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido pola Concellaría de Promoción Económica, coa colaboración da UVigo

A Vicerreitoría acollerá os encontros do festival gastronómico 'Mestizaxes'

Trátase de tres coloquios entre cociñeiros galegos e de diferentes países

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
DUVI Pontevedra 29/10/2021

No marco do proxecto Pontevedra Capital Gastro, a Concellaría de Promoción Económica e Turismo impulsa a vindeira semana o festival gastronómico das cociñas de fóra Mestizaxes, unha iniciativa dirixida a dar visibilidade á gastronomía internacional presente na cidade que arrancará o vindeiro martes na sede da Vicerreitoría cos Encontros Mestizos. Trátase de tres conversas entre cociñeiros e cociñeiras de diferentes países e restauradores da cidade, que se completará coa preparación dun prato conxunto e que preceden ao festival gastronómico que se desenvolverá entre o xoves 4 e o domingo 7 na praza de España.

A concelleira Yoya Blanco, o vicerreitor do campus, Jorge Soto, e varios dos cociñeiros e cociñeiras participantes presentaron este venres unha actividade que se insire no proxecto Pontevedra Capital Gastro, que Promoción Económica leva a cabo coa colaboración, entre outros, da Vicerreitoría. “Parecíanos unha iniciativa moi acaída con respecto a como entendemos a Universidade, porque a mestizaxe ten moito que ver coa interculturalidade e co encontro de persoas de diferentes partes do mundo”, salientou Soto, que o martes será o encargado de moderar o coloquio entre Ilhen e Rafael, do restaurante marroquí Dukela, e Iñaki Bretal, do Eirado da Leña. Programados para as 11.30 horas, estes encontros continúan o mércores coa participación de Carmen Canabal, do restaurante peruano Causa Street Food, e Marta García, de Meigas Fóra, e complétanse o xoves co italiano Franceso Ianelli, de Il Piccolo, e Rubén González, de El Cafetín.

Tras estes faladoiros, Mestizaxes continuará a súa actividade na carpa que se instalará na praza de España, que se abrirá cun “xoves universitario”, no que haberá ofertas para o estudantado, como explicou Blanco. A concelleira destacou a “participación activa” da UVigo en todos os eventos de Pontevedra Capital Gastro. Soto, pola súa banda, puxo de relevo a colaboración coa Concellaría, coa, que no marco dun convenio de colaboración, a Vicerreitoría desenvolve nestes meses “preto de 50 actividades”, que están a supor “un salto moi importante na relación de Pontevedra co campus da cidade”.