DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Convócase a primeira edición do concurso Múltiples olladas ao redor das Letras Galegas

A Vicerreitoría convida ao alumnado a reinterpretar a obra de Xela Arias

Aberto a creacións en calquera disciplina

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 16/04/2021

Estimular a creatividade e a innovación entre o alumnado da Universidade de Vigo a partir da revisión, reflexión e análise da produción cultural de Xela Arias constitúe o obxectivo central da primeira edición do concurso Múltiples olladas ao redor das Letras Galegas: Xela Arias 2021, co que a Vicerreitoría do campus busca sumarse a conmemoración do Día das Letras Galegas. Aberto á participación de todo o alumnado da Universidade, este certame busca promover o desenvolvemento de “produtos culturais e tecnolóxicos de diversa índole”, desde ilustracións, cómic ou infografías, ata pezas de vídeo ou traballos artísticos de calquera disciplina, que tomen como punto de partida a obra da escritora, tradutora e docente á que se rende homenaxe neste 2021.

Como explica a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo, con esta iniciativa a Vicerreitoría busca sumarse “a todas esas actividades e movementos culturais que sempre se fan arredor das Letras Galegas”. Dado que Arias “sempre estivo moi apegada aos movementos de renovación máis vangardistas da escrita, víamos que había que buscar unha vía para interrelacionar a produción cultural cos diferentes estudos do campus de Pontevedra e pensamos que a vía da creatividade pode ser moi frutífera”, salienta. 

Nese senso, e tendo en conta que a Universidade de Vigo conta con “premios literarios xa consolidados”, buscouse promover uns galardóns que convidan ao alumnado a “reler a obra de Xela Arias, sobre todo a poética” e dar forma con “esas sensacións e pensamentos que quedan en nós tras a lectura” a creacións en múltiples disciplinas. A idea, engade Agrelo, é potenciar “novas lecturas baixo outros soportes” da obra de Arias, de aí a liberdade técnica e artística que define este certame, no que se outorgará á obra gañadora un premio económico de 300 euros. 

Ata o 21 de maio

“A pretensión fundamental é potenciar unha mirada da obra desta poetisa desde outras concepcións artísticas, códigos e soportes”, destácase na convocatoria destes galardóns, que manteñen aberto ata o 21 de maio ás 14.00 horas o prazo de presentación de traballos. As obras materiais deberán presentaranse de xeito físico na sede da Vicerreitoría e de xeito dixital os proxectos audiovisuais, segundo recollen as bases do certame. O xurado valorará “a calidade artística, a creatividade, a técnica e a orixinalidade da idea presentada” e o galardón entregarse o vindeiro mes de maio no marco dos actos que promoverá a Vicerreitoría con motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas. Neste senso, a responsable da Área de Dinamización Cultural pon o acento en que se trata dun premio que “nace con vontade de continuidade” e que nos próximos anos buscará de novo convidar ao alumnado a crear tomando como punto de partida a obra do escritor ou escritora homenaxeado nesta efeméride.