DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Docentes do CSC Placeres presentaron o proxecto ‘Dígocho a ti’ ao alumnado de Educación Primaria

Vídeos nos que escolares aprenden e ensinan galego

Nunha conferencia virtual centrada no uso de metodoloxías participativas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Académica
DUVI Pontevedra 27/04/2021

A falta de recursos educativos dixitais que poidan empregarse nas materias de lingua galega foi a motivación que levou aos profesores do colexio Sagrado Corazón de Placeres Ana Sande e Josecho de la Torre a pór en marcha Dígocho a ti, un proxecto no que converten a estudantes de infantil, primaria e secundaria en protagonistas da súa propia aprendizaxe. Inspirándose no programa da TVG Dígocho eu, estes docentes implicaron a alumnado de diferentes niveis educativos na realización dunha serie de vídeos que afondan no vocabulario e nas normas ortográficas e gramaticais do idioma e que este martes presentaron ao alumnado do grao en Educación Infantil nunha conferencia virtual promovida pola profesora Ana Acuña.

Organizada polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina e a comisión PEA-Unesco da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, esta conferencia buscaba achegar o alumnado “unha experiencia de ensino do galego e en galego que pode serlles de moito interese”, como sinalou Acuña. Presentados polos estudantes Ana Rodríguez e David López, Sande e De la Torre, dous profesionais formados no campus pontevedrés, afondaron tamén co alumnado noutra serie de experiencias docente baseadas no uso, explicaron, dunha “metodoloxía activa, participativa e colaborativa” que converte aos e ás estudantes “en protagonistas e transmisores da súa aprendizaxe”..

Unha proposta nacida da ausencia de materiais en galego

Dígocho a ti, explicou Sande, titulada en Maxisterio e en Belas Artes, “xurde para dar un maior pulo á nosa lingua debido á falta de recursos dixitais coa que nos atopamos os profesores que impartimos esta materia”. A iniciativa céntrase na realización e difusión a través da rede dunha serie de vídeos que abordan diferentes cuestións relacionadas coa lingua galega. O “primeiro capítulo”, apuntou De la Torre, tamén titulado en Maxisterio, centrouse no feito de que “en Galicia temos máis de cen palabras para referirnos á chuvia ou a fenómenos relacionados con esta” e tivo como protagonistas a nenos e nenas infantil e primaria, mentres que estudantes de secundaria protagonizaron segunda entrega, centrada en cuestións meteorolóxicas. 

“A nosa intención é emitir un capítulo cada tres ou catro semanas con diferentes contidos”, engadiu Sande, que destaca que, ademais da propia aprendizaxe, esta iniciativa busca fomentar nos alumnos e alumnas “o respecto pola súa propia lingua”. Nese senso, sinalou que tanto a colaboración do centro como o interese que esta actividade espertou no profesorado e alumnado fan que a súa pretensión sexa agora “levar o Dígocho a ti a outras materias”, así como traslado tamén “fóra da escola, facendo partícipes ás familias e á comunidade da nosa contorna”.