DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O consorcio está formado por socios de cinco países e o orzamento é de case 300.000 euros

Vigo participa nun proxecto internacional que fomenta a aprendizaxe baseada en xogos entre o alumnado de enxeñaría e economía

A idea é retar aos estudantes a resolver retos complexos: medioambientais, sostibilidade, integració

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Internacional
  • Investigación
D. Besadío DUVI 23/11/2020

A Universidade de Vigo é un dos cinco socios do proxecto europeo HERA, Higher Education Re-engineering through Active Learning for Growth, un traballo financiado con preto de 300.000 euros (Erasmus+) que ten como principal obxectivo desenvolver entre o alumnado de educación superior en enxeñaría e economía habilidades de resolución de problemas a través dun enfoque educativo baseado en xogos. A idea é desafiar a estas mozas e mozos, chamados a ser os líderes do futuro, a combinar habilidades de diversas materias para resolver algúns dos principais problemas aos que se enfronta a sociedade actual e que van desde o crecemento sostible, a mitigación do cambio climático ou loita contra a pobreza ata cuestións relacionadas con saúde mundial.

“Queremos desenvolver xogos que poidamos utilizar entre o estudantado, principalmente de enxeñaría e empresariais/económicas, para desenvolver competencias transversais”, explica o profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Manuel Caeiro, responsable do proxecto na UVigo. “Buscamos sobre todo desenvolver o traballo en equipo, habilidades para a resolución de problemas, pero tamén que tomen conciencia da complexidade que supoñen os problemas reais e os retos aos que se enfrontan as sociedades actuais”, recalca o docente.

‘Xogando’ a resolver retos reais das cidades

A proposta que se está a desenvolver por parte do equipo de HERA é un xogo baseado nunha cidade virtual, tipo o popular videoxogo SimCity, no que poden participar varios xogadores, cada un deles nun rol específico e no que teñen que conseguir acadar determinados obxectivos, para o que precisan coordinarse e ter en conta as problemáticas e casuísticas dun escenario particular. “Por exemplo: mellorar a reciclaxe e os temas de compostaxe e a economía circular nunha cidade”, explica Caeiro.

Neste escenario participan varios roles, dende o alcalde da cidade e o concelleiro ocupado da xestión de residuos, pasando pola concesionaria do lixo, ata os cidadáns que se involucran máis intensamente no programa construíndo hortas ecolóxicas e contribuíndo á economía circular. Cada un destes roles poderá facer distintos tipos de actuacións na cidade, para o que disporán duns recursos limitados e deberán adecuar as súas actuacións á situación particular do xogo. “Con todo isto esperamos que o alumnado teña unha experiencia que lle permita tomar conciencia da complexidade dos problemas reais e da necesidade de coordinación, de ter en conta distintos puntos de vista, etc.”, explica o docente, ao que engade que, ademais do xogo en si, tamén se ofrece unha funcionalidade para facilitar a comunicación e coordinación entre os xogadores en liña, de forma que o xogo se poida utilizar de xeito non-presencial.

Se ben ata a vindeira primavera non está previsto realizar as primeiras probas do xogo entre o alumnado, antes de que remate o ano realizaranse xa algunhas entrevistas e test grupais con versións alfa deste xogo.

Ademais do desafío relacionado coa reciclaxe, desde o equipo de HERA están a formular xa novos retos, entre eles: xestión das augas residuais e pluviais tratando de evitar inundacións e facendo un mellor aproveitamento da auga ou xestión do tráfico. “Ademais, tamén a preparación da iluminación de Nadal nunha cidade, algo no que Vigo é unha referencia nos últimos anos, e na que se involucran cuestións de convivencia, comerciais, turísticas, etc. Penso que son problemas reais que todos coñecemos, pero dos que non sempre temos unha visión completa xa que involucran moita complexidade”, recalca Caeiro.

Os socios acumulan grande experiencia en programación de xogos

Este proxecto está coordinado pola Universidade de Thessaly en Grecia e participan como socios, ademais da propia Universidade de Vigo, a empresa Virtual Campus de Portugal, a Universidade de Tallín en Estonia e a de Aalborg, en Dinamarca. Todos estes socios –a excepción da universidade danesa- coincidiran xa noutros proxectos previos con temáticas semellantes. “Tanto os coordinadores como a empresa Virtual Campus de Portugal, teñen unha gran experiencia no desenvolvemento e programación de xogos. Para min son exemplos de éxito de como acadar novos conceptos de xogo a modo de recursos docentes que podemos aplicar nas nosas aulas”, recalca Manuel Caeiro, quen destaca que hoxe en día moita xente, non só os máis novos, xoga aos videoxogos, pero, “agora ben”, a súa creación non é doada, pois require da conxunción de moitas habilidades: contidos audiovisuais, dinámicas de xogo, xogabilidade, programación, etc. “Ademais diso é preciso ter en conta a utilización pedagóxica que se vai a facer do xogo. Neste punto tamén destacaría á Univerdade de Tallin, en Estonia, que conta cun programa de formación de profesorado e de investigación educativa moi potente”, puntualiza o responsable vigués do proxecto.

Parte viguesa do proxecto

Desde a Universidade de Vigo está implicado neste proxecto un equipo de sete persoas: catro docentes do Departamento de Enxeñaría Telemática -Martín Llamas, Fernando Mikic, Manuel Fernández e Manuel Caeiro-; e tres do de Organización de empresas e márketing: Carlos Ferro, Mercedes Vila a Fernando Comesaña.  Desde o punto de vista de Caeiro, “a tecnoloxía e a organización empresarial cada vez van máis da man, e tanto o alumnado noso, como o deles, precisa ter unha visión máis ampla e enriquecedora. De momento está sendo unha experiencia moi interesante, pois traballando no deseño dos xogos vemos como xorden moitas cuestións que antes non tiñamos en conta”.

O equipo vigués é o responsable da avaliación dos xogos e dos recursos que se están a desenvolver en canto a materiais para os docentes e para o alumnado. A avaliación vaise a levar a cabo por cada un dos socios, pero desde Vigo defínense as actividades, instrumentos de recollida de datos e a súa análise. Por outra parte, este equipo ten tamén un peso significativo na parte de diseminación, encargándose da elaboración de materiais como boletíns informativos, pósters, folletos, vídeos, etc. “Así mesmo participamos no deseño dos xogos definindo algúns dos escenarios que se van a incluír”, conclúe o docente vigués.