Na segunda edición do encontro Intre², no edificio Redeiras
Vigo reúne talento investigador emerxente en eficiencia enerxética e sustentabilidade
Coa participación de representantes das universidades de Vigo, Burgos e Euskal Herriko Unibertsitate
A Universidade de Vigo acolleu esta semana a segunda edición de Intre², un encontro organizado desde o Programa de Doutoramento en Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade en Enxeñaría e Arquitectura no que se reuniu persoal investigador de predoutoramento das tres entidades participantes: a Universidade de Vigo, a través do grupo Grupo de Tecnoloxía Enerxética, GTE; a Universidade de Burgos, representada polo grupo Swift, Solar and Wind Feasibility Technologies, e a Euskal Herriko Unibertsitatea, co grupo Enerxética na Edificación, Enedi.
O principal obxectivo desta iniciativa é favorecer a formación do alumnado de doutoramento, promover o intercambio de coñecemento entre os distintos grupos de investigación e impulsar novas colaboracións científicas entre as tres universidades. Participaron arredor de 30 persoas, entre elas preto de 15 estudantes de doutoramento que presentaron e debateron nesta cita os seus traballos de investigación. Desde a organización salientaron, precisamente, a elevada participación e implicación destas novas e novos investigadores, así como o intenso ambiente de colaboración e intercambio científico.
Un novo formato para fomentar o debate científico
Como principal novidade, o programa estruturouse arredor de tres mesas redondas temáticas: Novel Experimental Techniques, Advanced Simulation Tools e Sustainable Management Solutions. Este novo formato permitiu fomentar o debate aberto sobre as investigacións desenvolvidas, favorecendo a discusión científica, o intercambio de experiencias e o fortalecemento dos vínculos de colaboración entre as diferentes sedes do programa.
O encontro, que se levou a cabo no edificio Redeiras, foi inaugurado por Juan Pablo Hervés, secretario da Escola Internacional de Doutoramento, Eido, da Universidade de Vigo, quen destacou a importancia deste tipo de iniciativas para enriquecer a formación investigadora e fortalecer as redes de colaboración académica.
Participación internacional e novas oportunidades de colaboración
A sesión maxistral de apertura correu a cargo de Laura Quant, investigadora de Tecnalia, quen presentou as capacidades, infraestruturas e proxectos de I+D que actualmente desenvolve este centro tecnolóxico do País Vasco. A súa intervención permitiu ao alumnado coñecer de primeira man algunhas das liñas de investigación máis avanzadas no ámbito da eficiencia enerxética e a sustentabilidade.
As sesións de peche estiveron protagonizadas polas profesoras Bozena Babiarz e Joanna Krason, da Rzeszów University of Technology (Polonia), que abordaron cuestións relacionadas coa eficiencia enerxética na edificación e os materiais PCM (Phase Change Materials). A súa participación serviu tamén para explorar novas oportunidades de colaboración internacional e fortalecer as relacións académicas e científicas con institucións doutros países.
Recoñecemento aos mellores traballos
Como broche final ao encontro, entregáronse os premios aos mellores traballos presentados durante o evento. O galardón ao mellor abstract foi para o traballo Occupant-Centric MPC for Virtual Zoning in Tertiary Buildings, presentado por Noelia Vicente Gómez, da Euskal Herriko Unibertsitatea. Pola súa banda, o premio ao mellor póster recaeu en Pablo López Araújo, da Universidade de Vigo, polo traballo Data-driven analysis of electricity and water consumption in dwellings using AI techniques.
