DUVI

Diario da Universidade de Vigo

FFT acolle o congreso 'Lingua e violencia: mediacións literarias na era do Antropoceno'

A violencia no discurso literario, un espello no que se amosan os cambios sociais das últimas décadas

Coa participación, ata mañá venres, de 60 especialistas dunha decena de países

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 16/01/2020

A violencia semella ter impregnado o discurso literario contemporáneo e, de feito, os especialistas consideran que as súas manifestacións nos diferentes xéneros literarios amosan os cambios sociais das últimas décadas e axudan a reconsiderar os lazos existentes entre literatura e os asuntos públicos. Esta é a premisa arredor da que naceu o primeiro congreso internacional Lingua e violencia: mediacións literarias na era do Antropoceno. O simposio está organizado polo Departamento de Literatura Española, en colaboración co grupo de investigación ELICIN (Estudios literarios y culturales en lengua española) da Universidade de Vigo, que dirixe a investigadora Carmen Luna; o grupo de investigación Discourse and Identity da Universidade de Santiago de Compostela e o proxecto Language Acts and Wordmaking do King’s College London. 

Entre hoxe e mañá venres, 60 investigadoras e investigadores de España, Portugal, Brasil, República Checa, Hungría, Italia, Polonia, EEUU ou India traballarán para identificar os códigos discursivos que perpetúan a violencia a través de nocións como as de subalternidade, opresión, poder hexemónico e loita de clases. 

Coñecer os discursos da violencia para poder neutralizalos

No acto de apertura, a directora do ELICIN, Carmen Luna, deu a benvida ás e os participantes nun congreso que aborda “un tema tan político e contemporáneo” e quixo agradecer o traballo a todos os membros do seu equipo e, en especial a María Alonso, que se encargou da coordinación da organización do simposio. Segundo Luna, esta cita “é unha especie de culminación a anos de traballo en temas como as ditaduras, distopías ou violencias en relación coa literatura” desenvolvidos por investigadores novos, figuras como post-docs ou FPU, que “constitúen a musculatura das universidades, xente nova que nos arrastra para que esteamos actualizándonos constantemente”, recalcou a docente.

Manuela Palacios, profesora do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da Universidade de Santiago de Compostela, explicaba que nesta conferencia “queremos coñecer e examinar as diferentes formas nas que a violencia impregna o discurso contemporáneo, as diversas manifestacións da violencia reinante que van dende a destrución medioambiental e a crueldade animal ata a violencia de xénero ou étnica mostradas en discursos comúns e practicas sociais que espertan a violencia”. Neste sentido, remarcou como unha necesidade “identificar e coñecer estes códigos e prácticas para neutralizalas dunha mellor forma”. 

José Montero Reguera foi o encargado de dar por inaugurado o congreso, no que foi un dos seus últimos actos antes de despedirse da dirección do Departamento de Literatura Española. Lembrou que neste simposio se reúnen tres universidades (Vigo, Santiago e King’s College London) e tres proxectos de investigación: “este é o camiño, o xeito de facer universidade e de facer investigación”.

De Buñuel a Margaret Atwood

Dende o comité organizador destacan que o simposio nace a raíz da urxencia por “analizar o xeito no que a lingua actúa para construír o mundo”. Así, ao longo dos dous días de traballo presentaranse traballos sobre temas como a relación entre centro e periferia; poder e resistencia ou global e local nun contexto actual do antropoceno, “un termo que marca un punto de inflexión dado o incrible impacto do ser humano no ecosistema”. Así, o programa inclúe traballos sobre as diferentes formas nas que o discurso arredor da violencia se manifesta a través das máis diversas prácticas literarias e temáticas como os estudos sobre animalidade, a literatura sobre refuxiados, a ecocrítica, a novela negra, os estudos de xénero, as identidades diaspóricas, etc. 

Tras o acto de apertura, o simposio desenvolveuse en varias salas paralelas nas que se presentaron traballos sobre a figura da muller nos contos de João Guimarães Rosa, a dictadura pinochetista nas obras de Lola Larra e Nona Fernández ou a guerra biolóxica na literatura, repasando obras dende H. G. Wells a Margaret Atwood nas que se empregan as epidemias como ferramentas para a guerra, o terror e o xenocidio. Na xornada de mañá presentaranse abordaranse temáticas como a violencia contra as mulleres na obra cinematográfica de Luis Buñuel ou os refuxiados climáticos e a violencia non-humana en The Witcher III. Outros dos relatorios versarán, por exemplo, sobre a discapacidade, a animalidade e a violencia na poesía galega; as voces femininas de resistencia na lírica latinoamericana; a violencia económica e o holocausto ambiental en Serena, de Ron Rash ou as vítimas da ideoloxía imperialista en Empire, de Mary O´Donnell.

O programa complétase coa participación do escritor arxentino Patricio Pron, premio Alfaguara 2019, e da poeta irlandesa Lorna Shaughnessy.