DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a tese da investigadora Ana Isabel da Silva Castro Forte

A violencia nas parellas adolescentes presenta dinámicas similares no contexto presencial e virtual

O seu estudo céntrase no caso do norte de Portugal

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Igualdade
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 11/01/2021

Na súa tese de doutoramento, a investigadora lusa Ana Isabel da Silva Castro Forte abordou, desde a psicoloxía feminista crítica, o fenómeno da violencia nas relacións de parellas adolescentes, tanto presencial como na súa transposición ao contexto dixital, tamén denominada cyber teen dating violence. Entre os principais resultados do seu estudo, centrado no norte de Portugal, destaca como a violencia exercida no ámbito dixital “presenta dinámicas similares ás xa estudadas na violencia das relacións de parellas adolescentes perpetrada cara a cara”.

A tese, titulada Num encontro ás cegas com a violência? Contributos da psicologia feminista crítica para a compreensão da violência no namoro nas culturas juvenis, estivo dirixida polas profesoras Yolanda Rodríguez e María Lameiras e foi presentada na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. “É incuestionable a influencia da era dixital en todas as esferas da vida humana e a sexualidade non constitúe unha excepción. Se por unha banda Internet e as tecnoloxías proporcionan oportunidades únicas relacionadas coas posibilidades de interacción social, de aumento da información e de coñecemento da diversidade sexual, por outra banda, constitúese un espazo de normalización da violencia e da obxectivización do corpo das mulleres”, explica a investigadora. Por este motivo, destaca, “é esencial profundar no coñecemento do seu impacto en relacións sociais de xénero, sobre as relacións de intimidade xuvenil desde unha perspectiva de análise feminista”.

Traspaso de estereotipos, mitos e actitudes de tolerancia

Tendo en conta este marco, na súa tese Ana Isabel da Silva empregou unha metodoloxía multimétodo, na que combinou a dimensión cuantitativa a través de cuestionarios e cualitativa a través de grupos de discusión. Na parte cuantitativa participaron 169 persoas (77 mulleres e 92 homes con idades comprendidas entre os 13 e os 18 anos do norte de Portugal, 77 de Educación Secundaria e 91 de Formación Profesional) e na cualitativa 143 adolescentes do estudo cuantitativo, 62 rapazas e 81 rapaces. Os principais resultados desta investigación, explica a súa autora, “suxiren que a cyber teen dating violence presenta dinámicas similares ás xa estudadas na violencia das relacións de parellas adolescentes perpetrada cara a cara e que a violencia de xénero traspasa as actividades e interaccións establecidas a través dos dispositivos tecnolóxicos, revelándose a presenza de estereotipos de xénero, mitos de amor romántico e actitudes de tolerancia e lexitimación fronte a comportamentos abusivos que sustentan as desigualdades de xénero entre mozas e mozos”.

Segundo se recolle na tese de doutoramento, “a pesar que a maioría das e dos participantes expresa non ter experiencia de situacións de violencia nas súas relacións de parella, adoitan percibir numerosos comportamentos violentos nas súas relacións afectivas como algo normalizado e cotiá no seu día a día”. Con respecto ás causas de violencia nas relacións de parellas adolescentes, engade, as e os participantes identifican sobre todo cuestións intrapersoais. “Tamén se constatou que identifican diferentes tipoloxías de violencia, considerando a violencia verbal como a máis frecuente no seu grupo etario e a violencia psicolóxica como o tipo máis invisible, pero con maior impacto e consecuencias negativas”, afirma a xa doutora pola Universidade de Vigo. Ademais, engade Ana Isabel da Silva Castro Forte, “as condutas de control (por exemplo saír de noite, vixiar o teléfono móbil ou controlar a roupa que pon a parella) non sempre se recoñeceron como comportamentos abusivos, sendo habitualmente asociados con preocupación, descoñecemento, celos e desconfianza”. Este patrón de comportamento é segundo o estudo feito “moi similar entre mozas e mozos e está en liña cos resultados que non amosan diferenzas de xénero en relación ao nivel de coñecementos sobre a violencia nas relacións de parellas adolescentes”.

Entre outros moitos focos de atención, o estudo de Ana Isabel da Silva Castro Forte analizou os comportamentos de sexting, de envío de mensaxes sexuais, por medio de teléfonos móbiles do colectivo adolescente participante. En relación a este fenómeno, a tese apunta como “comprobouse que varios e varias adolescentes descoñecían o termo, pero recoñecían que a práctica deste comportamento é frecuente nas relacións de adolescentes”. A maioría, engade, “nos seus argumentos identificaron ás mozas como as máis activas no envío de contidos de sexting mentres que os mozos afirmaban que solicitaban ás mozas o envío de contido erótico-sexual coa finalidade de provocar, promover un intercambio de contidos e/ou incentivalas a que compartan as súas fotografías íntimas”. Non en tanto, engádese no traballo, “os datos cuantitativos apuntan que son os mozos os que máis envían fotos e/ou vídeos de contido erótico a través do seu teléfono móbil ou das redes sociais, skype ou equivalentes”. En relación ás actitudes cara o sexting, a investigadora sinala que “non se atoparon diferenzas en función do xénero" en canto a quen considera este fenómeno como "algo divertido ou despreocupado”. Con todo, apunta a xa doutora, “atopáronse diferenza de xénero en relación á percepción do risco e ás expectivas relacionais”, amosando as mozas “unha maior percepción dos riscos asociados a compartir contidos erótico sexuais a través de Internet que os seus compañeiros”.

Dar voz ás e aos adolescentes

No traballo realizado, apunta por último Ana Isabel da Silva Castro Forte, o posicionamento feminista crítico demostrou ser “un marco adecuado” para promover a profundización do coñecemento sobre as percepcións adolescentes sobre a violencia nas relacións de parella no cara a cara ou perpetrada a través dos medios dixitais. Na súa tese, comenta, tentouse dar voz ás e aos mozos e ás súas experiencias, un grupo social cuxo protagonismo, indica, “no deseño de políticas para combater a violencia aínda é inconsistente". “Consideramos importante fomentar a participación cívica e política das e dos mozos en materia de loita contra a violencia de xénero, en particular a violencia nas relacións de parellas adolescentes en todas as orientacións sexuais para que as súas opinións poidan ser escoitadas, influír e ter responsabilidade en accións que permitan abordar os temas que afectan ás súas vidas”, indica a investigadora lusa.