DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Xornada de Portas Abertas desenvolvida este mércores

Visitas e actividades para achegar ao futuro alumnado as titulacións do campus

Esta iniciativa levarase a cabo mañá xoves en Vigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 15/06/2022

Percorrer as súas aulas e laboratorios, resolver primeiras dúbidas ou coñecer os ámbitos de traballo dos seus alumnos e investigadores. Isto é o que as diferentes facultades e escolas propuñan este mércores ás persoas participantes nas Xornadas de Portas Abertas, unha iniciativa da Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria dirixida a dar a coñecer ao alumnado de bacharelato ou ciclos formativos de grao superior e ás súas familias a oferta formativa dos tres campus da UVigo. Tras arrancar este martes en Ourense, as xornadas desenvolvéronse este xoves en Pontevedra e mañá xoves terán lugar en Vigo.

No caso do campus pontevedrés, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acolleu a primeira das actividades que os diferentes centros programaron ao longo da mañá co obxectivo que dar a coñecer as dez titulacións de grao que se imparten en Pontevedra,  que ofertan no seu conxunto máis de 700 prazas de novo ingreso. Acompañados polo vicedecano Uxío Pérez, ás e os asistentes participaron nunha visita dirixida tanto a que puidesen coñecer as instalacións do centro como as características, contidos e principais saídas profesionais dos seus tres graos. Chegada desde Vigo, Aldara Fonseca foi unha das participantes nunha actividade “que é unha forma de axudar a elixir para aqueles que aínda non saben que facer” e á que no seu caso acudía coa idea de saber máis da titulación gue lle gustaría cursar, Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Tamén teñen claro que titulación quererían cursar Xelo Teijido e María Boente, chegados desde Arcade e Redondela coa idea de saber máis do Grao en Educación Infantil, tras completar o ciclo superior deste eido. “Parécenos unha actividade necesaria, sempre che gusta coñecer antes o sitio, saber se te ves aí, se che parece cómodo...”, salientan desta actividade.

Ademais dun percorrido polas súas instalacións, os diferentes centros participantes nestas xornadas propuxeron iniciativas como a proxección de traballos audiovisuais realizados polo alumnado que se levou a cabo na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación ou as demostracións nos laboratorios que promoveu a Escola de Enxeñaría Forestal. Tamén se sumaron a esta iniciativa, con diferentes propostas, as facultades de Fisioterapia, Dirección e Xestión Pública e Belas Artes e a Escola Universitaria de Enfermaría.