DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A catedrática Yolanda Herranz e Celeste Garrido comisarían unha retrospectiva no Museo

‘Voilà la femme’ celebra 25 anos dando visibilidade ás artistas formadas en Belas Artes

De xeito paralelo, o Ateneo de Marín acolle a 29 edición desta mostra 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Igualdade
  • Cultura
DUVI Pontevedra 19/05/2022

Como unha mostra colectiva que reflexiona sobre a muller, a identidade e o xénero, da man de 25 creadoras galegas, presentouse este xoves no Museo de Pontevedra a exposición conmemorativa do 25 aniversario de Voilà la femme, un proxecto nacido en 1992 no Ateneo Santa Cecilia de Marín co obxectivo de reivindicar o papel das mulleres do ámbito da arte. Coa catedrática de Belas Artes Yolanda Herranz e a artista formada na facultade Celeste Garrido como comisarias, trátase dunha exposición que reúne medio cento de cento de obras que poñen o foco nas “problemáticas que nos afectan ás mulleres”, como salientaron as súas comisarias. O corpo, a sexualidade, a violencia, as relacións de parella, os roles de xénero, a maternidade, os coidados e a dependencia, a identidade ou a interculturalidade son algúns dos temas abordados polas artistas seleccionadas para unha mostra que percorre a historia da mostra centrada en arte e xénero con maior traxectoria no Estado. De feito, Voilà la Femme alcanzaba tamén neste mes de maio a súa 29 edición coa exposición que nestes día reúne no Ateneo de Marín ás obras de cinco novas artistas, tres delas estudantes de Belas Artes.

O protagonismo que as responsables desta exposición outorgan en cada edición ás artistas que se forman na facultade vese así mesmo reflectido no percorrido por 25 anos de traxectoria que ata o 10 de xullo poderá visitarse no Museo. “A gran maioría das seleccionadas foron estudantes de Belas Artes”, lembra Garrido, investigadora do grupo ES2, que coordina Herranz. Presentada este xoves por Herranz, Garrido e o director do Museo, Xosé Manuel Rey, 25 Voilà la femme é unha invitación para percorrer os máis de 25 anos de historia dunha exposición nacida como unha necesidade de reivindicar a presenza das mulleres no ámbito da creación artística, segundo informou o Museo. Dende entón, contou coa participación de máis de 200 artistas, de tal xeito que esta mostra dá dáse testemuño da pluralidade das prácticas artísticas realizadas dende os anos 90 no país, “contextualizando e poñendo en valor o panorama artístico galego coa realidade estatal e internacional”, como destacan as súas promotoras.

Protagonismo para Belas Artes 

Na inauguración, o director do Museo subliñou que a mostra xurde coa finalidade de dar voz e de converterse nun altofalante co que chamar a atención e reivindicar a mirada feminina no proceso de co-creación e transformación da realidade social. Voilà la femme –destacou- é un proxecto “firmemente ancorado na comunidade e no territorio” pois pretende darlle visibilidade á obra de artistas-mulleres que naceron ou se formaron en Galicia. 

“Chega con dicir ao respecto que a inmensa maioría delas formáronse na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e que, por tanto, teñen unha vinculación directa coa cidade de Pontevedra e, en non poucos casos, con este Museo co que colaboraron en accións diversas. Hoxe moitas destas creadoras son artistas consagradas e recoñecidas, que xa teñen unha longa traxectoria profesional”, salientou Rey. Así, ademais das obras das propias comisarias, nesta mostra colectiva poden verse tamén as creacións de artistas que a día de hoxe son profesoras deste centro, como Carmen Hermo, Sonia Tourón, María Covadonga Barreiro, e Basilisa Fiestras. Tamén están presentes un bo número de creadoras que pasaron polas súas aulas, como a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Itziar Ezquieta, Noemí Lorenzo, Colectivo LAG, Mar Vicente, Sara Sapetti, Ana Gil, Nuria Ruibal, Beatriz Sieiro, Gema López, Mery Pais, Isabel Alonso ou Belén Diz. A mostra complétase así mesmo coas creacións de Menchu Lamas, Ánxeles Iglesias, Carme Nogueira, Mar Vicente, Reme Remedios, Ofelia Cardo, Isabel Alonso, Raquel Blanco e Tania Crego.

Pola súa banda, Herranz e Garrido salientaron que no día de hoxe cómprese un desexo longamente ansiado. A exposición no Museo, dixo Herranz, é “moi importante” porque non se dá moitas veces a nivel estatal, sendo a de maior traxectoria sobre arte e xénero incluso a nivel europeo e mundial. “Houbo unha evolución moi significativa dende os primeiros traballos en 1992 ata as últimas xeracións, cunha aposta claramente definida pola igualdade e o xénero. Queriamos que esa constancia se recollera no centro máis importante de Pontevedra e tamén nun catálogo de calidade, un documento que permanece e que conta cos críticos máis importante do estado. Tamén é importante que se vai editar en tres idiomas e poderá circular por todo o mundo”, apuntou. 

Sobre a situación da relación muller-arte dende o inicio do proxecto ata hoxe, as comisarias relataron que as cousas foron a mellor. “Estase xerando unha conciencia social en torno á necesidade de estar visibilizadas. Non se nos pode esquecer, somos máis de media humanidade”, afirmaron.

Herranz quixo por último facer mención a dúas ausencias de artistas: Ángeles Iglesias, decana da exposición, e a Berta Cáccamo, compañeira falecida que “estou segura lle encantaría participar na exposición”, finalizou.
 

Catro artistas formadas na facultade, na 29 edición

De xeito paralelo, ata o venres 3 de xuño pode visitarse, na sede do Ateneo Santa Cecilia de Marín, a XXIX edición deste proxecto expositivo, no que novamente son protagonistas as artistas formadas en Belas Artes. Tres alumnas do grao, Laura Domínguez, Isabella Ferreiro e Abril Iglesias, e a titulada Ruth Rodríguez integran, xunto con Alba Santiago, o grupo de creadoras seleccionadas para a mostra comisariada por Garrido. 

Nunha mostra na que conflúen diferentes visións, temáticas e disciplinas, poden observarse creacións como os colaxes e gravados nos que Laura Domínguez reflexiona sobre o “ataque masivo” ao que se ven sometidas as nenas “a través da publicidade e das revistas infantís”, así como sobre a escasa presenza das artistas nos museos “a pesar de que a maioría das estudantes de Belas Artes son mulleres”, lembra Garrido. A tamén alumna Isabella Ferreiro, por outra banda, válese do debuxo para “fragmentar e construír corpos que se distancien dos estereotipos sociais” nas obras que achega a esta exposición, á que se suman tamén dúas esculturas de Abril Iglesias. Como explica a comisaria, esta alumna evoca nunha das súas pezas tanto unha “idea de baleiro” como “a maternidade que parece esixírselle ás mulleres”, mentres que outra das súas obras proxecta “un ser humano moi altivo”. A exposición complétase coas pezas nas que a egresada Ruth Lorenzo fai un paralelismo “coa idea da muller como túnel e o concepto de auga que flúe e dá vida” e cos cadros nos que Alba Alonso “da voz ás mulleres, visibilizando os seus sentimentos”.