DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É un dos catro integrantes español nun torneo que se leva a cabo de forma virtual

O xadrecista do EXP-UVigo David Fernández debuta nun Campionato do Mundo absoluto

Tras participar en 2020 nas Olimpíadas para deportistas con discapacidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 08/11/2021

O pasado venres botou a andar, de forma virtual, o Campionato do Mundo de Xadrez absoluto para deportistas con discapacidade, un torneo que reúne un total de 255 deportistas de 46 nacionalidades, entre os que se atopa o integrante do Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo David Fernández. Xunto a Manuel Vargas, Juan Manuel Ciruelos e Tatiana Flores, Fernández integra o combinado co que España participa nesta cita internacional, na que o xadrecista do club universitario participa por primeira vez, despois de telo feito no mundial de categoría xuvenil. Previamente, en novembro de 2020, Fernández formou parte da selección coa que España participou nas Olimpíadas para persoas con discapacidade e o seu “bo facer” neste torneo, “xunto aos resultados colleitados nas probas en liña disputadas ao longo do ano”, foron, como sinalan desde o club pontevedrés, os que o levaron a converterse nun dos catro integrantes do equipo español.

Organizado pola Federación Internacional de Xadrez, este Campionato do Mundo para deportistas con discapacidade desenvólvese por primeira vez de forma virtual entre 5 e o 13 de novembro, coa participación de 24 deportistas con titulación internacional, co Gran Mestre polaco Marcin Tazbiz, como principal favorito. “Nun ano moi complicado para as entidades deportivas, a Escola Xadrez Pontevedra está a obter, do deporte con discapacidade, as forzas e ilusión necesarias para seguir a desenvolver o seu proxecto deportivo, social e educativo”, sinalan desde a entidade, á vez que destacan que o esforzo e a “renovada paixón pola competición” de Fernández constitúe “unha ledicia para toda a familia da EXP-UVigo”. 

Debut con vitoria
Na súa estrea neste mundial, Fernández sumou a súa primeira vitoria fronte ao turco Bursa Ozturk. Tras este triunfo, sufriu a súa primeira derrota diante do indio e obtivo a súa segunda vitoria diante do chinés Thi Huong Pam.

As diferentes partidas do torneo poden seguirse a través da plataforma chess24.com, cos comentarios e análises de grandes mestres do xadrez.