DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O expresidente da RAG dedicou a súa intervención ao “camarada” Manuel Ramos Cabrer

Xesús Alonso Montero rememora en Filoloxía e Tradución “o inmenso saber lingüístico” de Florencio Delgado Gurriarán

Foi o primeiro estudoso en Galicia deste autor e unha das personalidades que máis levan reivindicand

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Cultura
D. Besadío DUVI 11/05/2022

O profesor e académico Xesús Alonso Montero visitou este mércores a Universidade de Vigo para lembrar e homenaxear a figura de Florencio Delgado Gurriarán, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, actos que na UVigo arrancaron de forma oficial onte martes no campus de Pontevedra. Fíxoo no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución nunha conferencia que dedicou ao profesor Manuel Ramos Cabrer, a quen a Universidade homenaxeará mañá xoves, e para quen tivo sentidas palabras de lembranza. “Sabía do seu labor como vicerreitor, pero máis aló diso, coñecíao desde hai anos, fomos amigos e camaradas, e o seu pasamento foi unha perda grande para a súa familia, para a Universidade, para os seus amigos e para todos aqueles que, como el, teñen unha concepción da existencia que ten pouco que ver  coa concepción burguesa e capitalista da sociedade”, salientou o escritor e ex-presidente da Real Academia Galega, quen lamentou non poder asistir mañá a este acto por ter xa comprometida a súa axenda con outro acto relacionado coa celebración do Día das Letras.

Acompañado polo decano da facultade, José Montero Reguera, e o director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, Xosé Henrique Costas, e ante un nutrido grupo de docentes e estudantes,  Alonso Montero decidiu, “diante deste público experto”, non centrar a súa intervención “nin na vida nin na polifacética obra deste autor”, senón na biografía lingüística de Delgado Gurriarán, “un escritor cun saber lingüístico verdadeiramente memorable”. Lembrou que era un autor con moitos coñecementos de lingüística, non porque tivera unha carreira filolóxica, “estudara Dereito en Valladolid do 1919 ao 1924”, senón porque sempre tivera interese polo idioma galego, de tal maneira que lía moitos libros e trataba de asesorarse das persoas que tiñan un certo saber filolóxico superior a el.

Autor do libro Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio. Antoloxía poética (Galaxia), Alonso Montero foi o primeiro estudoso en Galicia deste autor e unha das personalidades que máis levan reivindicando a súa obra. “Tiven contacto con Delgado Gurriarán desde hai moitos anos. Desde antes de 1975, ano da morte de Franco, eu xe me dedicaba a facer algún tipo de traballo sobre escritores exiliados e dende entón, os meus libros sobre esta temática son variados”, explicou o escritor ao inicio da conferencia.

Valdeorras como “matria”

Alonso Montero lembrou a infancia de Delgado Gurriarán na aldea de Córgomo, en Valdeorras, fillo de Don Florencio, perito agrimensor –hoxe perito agrícola- e propietario de importantes viñedos, polo tanto “de casa abastada”, unha familia que lle abondaba “con ter ese nivel económico para adoptar o castelán como lingua de clase, pero que, ademais, procedía en certo modo dunha carreira universitaria”, polo que, nesa época, todo facía pensar que no ámbito familiar, como calquera outra familia rica, falaban en castelán. “Estrañamente Florencio, o neno, empregaba na casa a mesma lingua que utilizaba no torreiro, no adro e na eira porque os pais non empregaban no fogar a lingua do seu estatus social, empregaban a lingua da pequena comunidade de Córgomo, da comunidade de Valdeorras, da matria de Valdeorras”, ao que engadiu que, nesta liña, Delgado Gurriarán “foi un gran poeta, ademais de patriótico, matriótico", "cantou en Bebedeira, en máis de trinta poemas cousas das terras de Valdeorras, o que o converteu no gran poeta matriótico da comarca de Valdeorras”.

Poeta e sociolingüística

Na súa intervención tivo tamén un papel destacado a obra Cancioneiro da loita galega, publicada en México polo Partido Galeguista en 1943, unha obra colectiva, unha colección de textos poéticos que “ideou, compilou, organizou e dirixiu” Delgado Gurriarán e, tal e como se expuxo na conferencia, da que a Galicia apenas acabaron chegando tres ou catro exemplares. “Nesa obra unha boa parte dos poetas galegos residentes en México foron asesorados idiomaticamente por el”, quen, ademais, publicou neste libro 14 textos, “algún anónimo e outros asinados baixo pseudónimo, xa que había poemas contra Franco e contra Don Juan, pai do rei emérito”, salientou o académico, ao tempo que fixo fincapé en que Delgado Gurriarán fixo poemas sociolingüísticos, poemas defendendo a lingua galega e ofendendo ou ridiculizando a aqueles que rexeitaban o galego ao tempo que falaban un castelán cheo de galeguismos.