DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A competición contou coa participación de máis de 80 xogadoras e xogadores

O xogador de orixe cubana Arián González proclámase campión do VII Torneo Internacional de Xadrez Campus de Ourense

A cita volveu a celebrarse este sábado despois de varios anos sen facelo debido á pandemia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 04/10/2021

O gran mestre de xadrez Arián González, español de orixe cubana, proclamouse este sábado gañador do VII Torneo Internacional de Xadrez Campus de Ourense. A competición reuniu no pavillón de deportes deste campus a máis de 80 xogadoras e xogadores, entre eles varios mestres internacionais, no que foi a primeira edición do torneo despois do parón provocado pola pandemia.

O VII Torneo Internacional de Xadrez Campus de Ourense, dirixido por Jaime Viso, estivo organizado polo Club Xadrez Ourensán Universitario coa colaboración da Universidade de Vigo e o patrocinio, ademais da UVigo, do Concello de Ourense e da Deputación de Ourense. Desde a súa organización salientan que a competición se desenvolveu de xeito moi satisfactorio e recalcan a importancia de recuperar tanto o torneo, que estaba parado desde a declaración da pandemia, como en xeral a competición presencial neste deporte.

Premios

En total concederanse 2525 euros en premios, 14 galardóns repartidos en catro categorías (xeral e os tramos Elo Fide 2200-2000; 1999-1800 e menos de 1800). O podio quedou do seguinte xeito. O primeiro posto foi acadado polo gran mestre asentado en Ourense pero de orixe cubana Arián González, anterior gañador do Torneo Internacional de Xadrez Campus de Ourense. O segundo posto foi para Aleksa Strikovic, gran mestre serbio xogador do Círculo Chantadino; o terceiro para Xulio del Prado, xogador do Chantada; o cuarto para o gran mestre David Lariño, do Xadrez Verín, e o quinto posto para Antonio Pazos, mestre Fide e membro do Círculo Ferrolano.

A competición celebrouse baixo a modalidade de partidas rápidas (15 minutos por xogador ou xogadora para toda a partida máis 5 segundos de incremento por xogada realizada desde o primeiro movemento ata a caída de bandeira). O torneo rexeuse polas regras de xadrez da Fide, disputouse polo sistema suízo a nove rondas e foi válido para ELO de rápidas. No desenvolvemento da competición empregouse o protocolo Fisicovid-DXT Galego.