DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrarase os días 25 e 26 deste mes a través de Campus Remoto

Unha xornada abordará as diversas saídas profesionais do sector da pesca para o alumnado do eido xurídico e empresarial

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Académica
M. Del Río DUVI 23/11/2020

A área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Facultade de Xurídicas e do Traballo organiza a xornada O emprego en Europa: o sector da pesca que ten lugar entre os días 25 e 26 de novembro co obxectivo de achegar aos estudantes, tanto universitarios como de Formación Profesional, así como á sociedade, as diversas saídas profesionais vinculadas ao sector pesqueiro. A xornada desenvolverase en modalidade virtual a través de Campus Remoto e porá o foco principalmente nas oportunidades que este sector achega ao alumando dos eidos do dereito, as relacións laborais ou as ciencias empresariais. 

A profesora Francisca Fernández Prol coordinada esta actividade e explica que xurde no marco do proxecto Jean Monnet Une vision européenne des océans et des mers: pêche maritime et croissance durable, entre cuxos obxectivos se atopa a divulgación das oportunidades, de emprego ou doutra natureza, vinculadas ao sector marítimo-pesqueiro. “Para o desenvolvemento deste proxecto, ademais de docentes e investigadores da UVigo e doutras universidades, contamos con socios como o Instituto Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo, colaborador estreito nesta concreta iniciativa, polo que as xornadas difúndense especialmente entre o seu alumnado”.

A xornada pretende achegar, dende unha perspectiva práctica, aos estudantes e á sociedade en xeral as diversas saídas profesionais vinculadas ao sector pesqueiro, dende empregos e profesións a bordo, ata profesións xurídicas vinculadas ao sector marítimo pesqueiro, emprego na acuicultura e profesións vinculadas á protección dos recursos pesqueiros e do medio mariño. Segundo explica a docente e coordinadora da xornada, “as empresas do sector marítimo-pesqueiro precisan de profesionais de múltiples titulacións”, como o Dereito, con especialistas en Dereito Internacional Público, Dereito Internacional Privado –“por tratarse de empresas que actúan no ámbito internacional”-, Dereito Mercantil ou Dereito do Traballo e da Seguridade Social -“para coñecer as particularidades das relacións laborais e de seguridade social dos traballadores a bordo”-. Tamén demandan especialistas en Ciencias Empresariais, “xa que aínda que dedicadas ao sector marítimo-pesqueiro precisan de xestores, directivos..”, así como en Relacións Laborais, “pola necesidade de profesionais, por exemplo, de Recursos Humanos”.

Dúas sesións

Na primeira das sesión, o día 25, intervirán Miguel Á. Penas, director do IES, Universidade Laboral de Culleredo, que presentará as diversas opción laborais a bordo dos buques pesqueiros; Rosa Mary de la Campa, profesora de Ciencias da navegación e enxeñaría mariña na Universidade da Coruña, que abordará a xestión de recursos humanos no ámbito marítimo pesqueiro e Luz Baz Abella, coordinadora en España da International Transport Workers Federation (ITF), que analizará as condicións de traballo e de vida a bordo. A segunda sesión da primeira xornada contará con Yolanda Morales, clúster manager de Acuiplus, que analizará as perspectivas de emprego no sector da acuicultura. Tras as dúas sesións terá lugar unha mesa de debate.

Na segunda xornada, o día 26, abordarase o emprego vinculado á protección dos recursos pesqueiros e do medio mariño, da man de Rosa Chapela, coordinadora da Área de Socioeconomía da Pesca Centro Tecnolóxico del Mar- Fundación Cetmar. Unha segunda sesión centrarase nas profesións xurídicas vinculadas ao sector pesqueiro, da man de Ángel Táboas Lobato Responsable de subscrición e sinistros da Sociedade Seguros Mutuos Marítimos de Vigo e Responsable en Galicia de Hispania P&I que abordará a especialización en Dereito marítimo e de Rieke Arndt, da Axencia Europea de Control da Pesca, que falará sobre o emprego público vinculado ao sector pesqueiro.