DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cos relatorios do maxistrado Alberto Palomar e o presidente do Consejo Colef, Vicente Gambau

Unha xornada afonda nas eivas e oportunidades da nova Lei do Deporte

Unha das cuestións abordadas foi a futura regulación profesional dos educadores físico-deportivos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Deportes
  • Académica
DUVI Pontevedra 24/05/2023

Afondar nos cambios, pero tamén nas eivas, retos e oportunidades que supuxo a recente aprobación, o pasado mes de decembro, da nova Lei do Deporte era o obxectivo central da xornada desenvolvida este mércores na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Promovida por este centro, co financiamento da Vicerreitoría do campus e a colaboración da Asociación Galega de Xestores Deportivos (Agaxede), o colexio profesional de titulados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte (Colef Galicia) e BeOne, este foro permitiu pór o foco, entre outras cuestións, na necesidade dun desenvolvemento normativo que permita levar á práctica diferentes cuestións recollidas no texto legal, como explicou o maxistrado Alberto Palomar. Unha delas sería a regulación do “espazo profesional dos educadores físico-deportivos”, eixo da segunda das conferencias desta xornada, que correu a cargo de Vicente Gambau, presidente do Consejo Colef, no que se agrupan os diferentes colexios profesionais deste ámbito.

“Organizar esta xornada era unha cuestión de obrigado cumprimento, é unha lexislación que afecta aos axentes que traballamos no ámbito do exercicio físico e a práctica deportiva e os nosos titulados teñen que ter claro o marco lexislativo no que van desenvolver a súa actividade”, salientou o decano, Óscar García, na inauguración deste evento, na que participaron o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete; o presidente de Agaxede, Eduardo Blanco, e o exdirector da Área de Benestar, Saúde e Deporte da UVigo Alfonso Mandado. 
 

Unha lei “moi abstracta” e por desenvolver

Como lembrou García, a nova lexislación vén a substituír un texto aprobado en 1990 e desde entón “o fenómeno do deporte cambiou substancialmente”, de tal xeito que era preciso un novo marco legal que atendese á nova realidade, “na que a práctica deportiva e de exercicio físico está moi especializada” e na que a industria do deporte representa, sinalou, preto do 3% do PIB. “Polo tanto, esta lei debería ter recollido toda esta nova casuística, pero, en principio, non o fixo”, recoñeceu García, que avogaba por unha normativa “máis holística e máis representativa do que é o fenómeno deportivo”. 

Como un "texto apresurado e pouco reflexionado" definiu Lete Lasa a nova normativa estatal, o que ao seu xuízo "vén derivado" de que o Goberno central incluíse a súa aprobación no Plan de Resiliencia "como un dos obxectivos a conseguir ao final de 2022". O representante da Xunta incidiu tamén en que o deporte "necesitaba dun novo marco xurídico" e lembrou que os trámites para a elaboración desta lei arrancaron na súa etapa como presidente do Consejo Superior de Deportes. Lete sinalou que, tras organizar unhas xornadas cos diferentes axentes do sector, encomendou a preparación daquel primeiro texto a Alberto Palomar. “É unha lei moi ambiciosa, moi abstracta e tecnicamente complexa, por non dicir que non do todo correcta”, sostivo este maxistrado do texto finalmente aprobado e que precisa, recalcou, de "bastante desenvolvemento". Nese senso, Palomar afondou na súa intervención en como a nova lei deixa pendentes da aprobación de diferentes regulamentos moitas das súas cuestións máis novidosas, como a aprobación dun estatuto do deportista, "que ten que dar encaixa aos problemas fiscais e laborais” das e dos deportistas profesionais. Por iso, concluíu que namentres non se acometa este desenvolvemento regulamentario, o deporte en España pode quedar nunha "longa situación de interinidade, na que vai primar máis a regulación previa que a actual". 

Unha “reivindicación histórica” das e dos profesionais

Unha das medidas a desenvolver é a recollida na súa disposición final sexta que, como sinalou Gambau, “fai mención por primeira vez na historia aos profesionais con formación universitaria, que foran sempre os olvidados”. Concretamente, esta disposición insta ao Goberno a regular “o espazo profesional dos educadores físico-deportivos” e que actividades se reservan a este tipo de profesionais. “É a reivindicación histórica que levamos máis de 40 anos perseguindo”, sinalou o presidente do Consejo Colef, que incidiu na importancia de que titulados e tituladas asuman “certos servizos profesionais que implican unha alta cualificación, porque son moi complexos”, como podería ser o traballo con colectivos que requiren ·"dunha atención especial e de individualizar a carga de exercicio", como maiores, persoas con discapacidade ou afectadas por diferentes tipos de patoloxías. Nesa mesma liña, o decano definiu como unha "cuestión crucial" que se leve a cabo estas regulación profesional, "que afecta directamente aos nosos egresados e egresadas", pero tamén ao propio título de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, que deberá axustarse á normativa que fixe o Ministerio de Educación, por dar acceso a unha profesión regulada.