DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha xornada explorará o potencial da IA xenerativa en galego no ámbito académico e investigador

Etiquetas
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Lingua Galega
  • TIC
  • Académica
DUVI 14/04/2026

Os eidos tecnolóxico e o lingüístico da UVigo únense para abordar o potencial que ten a intelixencia artificial no ámbito académico empregando o galego como lingua de traballo. Esta é a proposta do catedrático do Departamento de Enxeñaría telemática e investigador de atlanTTic Manuel Caeiro e do profesor de Filoloxía galega e latina e director da Área de Normalización Lingüística da UVigo Benigno Fernández Salgado. A súa idea é reunir o vindeiro día 21 a expertos e expertas en campos como a filoloxía, a lingüística, as tecnoloxías da fala ou a didáctica para ofrecerlle ao profesorado referencias e orientacións prácticas para integrar ferramentas de IA xenerativa na docencia e na investigación universitaria en lingua galega.

A xornada, que se desenvolverá no edificio Redeiras en horario de tarde, está dirixida principalmente ao profesorado universitario e ao persoal investigador das áreas técnicas, especialmente dos ámbitos da enxeñaría, informática, telecomunicación e humanidades dixitais, interesados en incorporar a intelixencia artificial xenerativa na súa práctica docente e investigadora e en facelo empregando o galego como lingua académica. Tamén pode resultar de interese para o profesorado de educación secundaria e bacharelato das materias científico-tecnolóxicas que desexe explorar o uso da IA na aula e coñecer recursos para empregar terminoloxía técnica en galego.

O prazo de inscrición para asistir a este seminario está aberto ata o día 16 a través do correo lingua2@gmail.com, indicando nome, apelidos, DNI e colectivo (docente, investigador, alumno/a, outros). 

Programa da xornada

O programa da xornada arrancará ás 17.15 hora cun acto de inauguración da man de Rebeca Díaz Redondo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e de Benigno Fernández Salgado, director da ANL. De seguido terá lugar unha mesa redonda sobre recursos lingüísticos e terminolóxicos para a docencia en galego no ámbito tecnolóxico, na que se tratará o papel da lingua galega no ámbito tecnolóxico nun contexto marcado polo rápido desenvolvemento da intelixencia artificial. No debate participarán Manuel González González, catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela e director de Termigal; Adina Ioana Vladu, do Instituto da Lingua Galega da USC e investigadora posdoutoral en lingüística, recursos lingüísticos e tecnoloxías da fala e membro do proxecto Nós; e Iolanda Galanes, profesora do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo. Nesta primeira parte da xornada presentaranse recursos lingüísticos e terminolóxicos dispoñibles para a docencia en galego e reflexionarase sobre os retos e as oportunidades que presenta a IA para a nosa lingua. 

A segunda mesa redonda centrarase na IA xerativa e a práctica académica no ámbito tecnolóxico, coa participación do catedrático da UVigo e coorganizador da xornada Manuel Caeiro; da catedrática do Departamento de Didáctica, Organización Escolar e Métodos de Investigación da UVigo Margarita Pino Juste; e da profesora do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Universidade da Coruña Andrea Fernández Sánchez. Compartirán experiencias e recomendacións prácticas sobre como integrar estas tecnoloxías no traballo académico, desde a elaboración de materiais docentes ata o apoio á aprendizaxe e á investigación, analizando tamén os retos pedagóxicos, éticos e metodolóxicos que supón o seu uso nas áreas tecnolóxicas. Ademais, presentarase o libro A intelixencia artificial xerativa na práctica académica e reflexionarase sobre o impacto que están a ter as ferramentas de intelixencia artificial xerativa na docencia e na investigación.

A clausura da xornada está prevista para ás 19.30 horas da man de Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo e do profesor Manuel Caeiro, que ademais é enlace de galeguización da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.