DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Arredor de 650 mozos e mozas participan no campus nunha feira de orientación

Unha xornada para ir encamiñando o futuro académico

Con obradoiros, actividades divulgativas e sesións informativas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Divulgación
  • Visitas
  • Estudantes
DUVI 13/02/2019

A piques de rematar o instituto, moitos mozos e mozas están ante un dos momentos decisivos da vida: elixir o seu futuro académico. Escoller rama do coñecemento, carreira, universidade e a cidade na que residir nos seguintes anos é un proceso cheo de dúbidas. Para axudalos a tomar esta decisión a Universidade de Vigo celebrou este mércores a segunda edición da Xornada de Orientación Universitaria no campus de Vigo, unha cita na que participaron arredor de 650 mozas e mozos de 15 colexios e institutos de Vigo, A Guarda, Porriño, Baiona, Lalín, Cangas, Ponteareas e Nigrán, ademais de todas aqueles estudantes, pais e nais e docentes que asistiron ao longo da xornada de xeito individual.

O obxectivo é dar a coñecer a institución e a oferta académica das súas escolas e facultades, así como os servizos, instalacións, etc. Para iso, o alumnado de secundaria participou ao longo da mañá en charlas informativas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e visitou os postos instalados no pavillón universitario, onde puideron coñecer cada un dos graos e recibir información sobre mobilidade, cursos de idiomas, instalacións deportivas, bolsas e axudas, aloxamentos, etc. A encargada de darlles a benvida foi a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, que destacou que este tipo de eventos son de grande interese para o estudantado pre-universitario porque lles permite coñecer opcións, achegarse en primeira persoa á vida universitaria e ver o que a Universidade de Vigo lles pode ofrecer. Neste sentido, remarcou que a feira se estrutura por eidos do coñecemento, “para todas e todos os que aínda no sabedes que carreira queredes facer, pero si de que ámbito”. Ademais, os que se teñen que enfrontar ás ABAU nuns meses puideron coñecer as novidades das probas deste ano, que na convocatoria ordinaria se celebrarán do 12 ao 14 de xuño e na extraordinaria do 10 ao 12 de xullo. 

Xa no pavillón, os mozos e mozas puideron achegarse aos postos dos 22 centros da Universidade de Vigo participantes, aos aos stands das delegacións de alumnado e as asociacións estudantís e recibir información sobre bolsas e axudas, deportes, voluntariado e cooperación, cursos de linguas, residencias universitarias, mobilidade internacional, cultura e ocio. Para captar a atención das e dos futuros universitarios, as diferentes titulacións da Universidade de Vigo organizaron unha morea de experimentos, actividades e xogos. Por exemplo, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía programou varias actividades, entre eles unha que gustou moito entre os asistentes, centrada en resortes termoelásticos, “que están deformados continuamente e unha vez que lles aplican calor volven ao seu estado inicial”, explica a alumna do Grao en Enxeñaría da Enerxía, Lucía Nieto. A Facultade de Ciencias de Ourense amosaba un experimento ligado á calidade de augas e outro centrado en detectar a presenza do amidón en produtos cárnicos que espertou “a curiosidade do alumnado”, explican as docentes Elena Martínez e Raquel Rial. Ademais, a delegación de alumnado de Ciencias do Mar expuxo diferentes mostras en formol “como fanecas e ovas de animais e aparellos relacionados coa oceanografía, como redes e outros elementos que se empregan nas prácticas de grao, relata a alumna Elena Martínez. Explica que se apuntou como monitora porque considera "moi importante informar o alumnado de ESO e Bacharelato, na miña época non había nada disto e sempre é produtivo coñecer de antemán a que te vas enfrontar". A programación de obradoiros completouse con talleres sobre as novas palabras da lingua galega, a visión infravermella, a cor na ciencia e a calidade do aire, o proceso de deseño dun cartel publicitario e a corrección de cor dunha curta publicitaria, o proceso tradutivo, ou a visión 3D.

Entre a vocación e a indecisión

A maioría do alumnado que asistiu á XOU2019 cursa Bacharelato, e moitos deles xa teñen claro o que queren estudar, pero recoñecen que esta xornada de orientación lles axudou a atopar información sobre as titulacións que lle interesan. Este é o caso das alumnas do IES Rosalía de Castro de Vigo, Asunción Lloves, Alba Ibáñez, Sofía García e Clara Alonso, que explican que esta actividade “nos permite ter máis claro o que queremos facer e orientarnos tamén nas liñas de especialización, pois aquí infórmannos de todo detalladamente”. 

O alumnado de 1º Bacharelato aínda ten tempo por diante para elixir un camiño, pero este tipo de xornadas xa lles achegan opcións. Nesta situación están Olalla Pérez e Paula Garrido, do Colexio Miralba, que recorreron todos os postos da XOU e explican que lles serviu como orientación, “pero o problema é que todo nos parece interesante”. A ximnasta Andrea Verísimo, que cursa tamén 1º de Bacharelato no IES Rosalía de Castro, chegou á feira coa idea de cursar algunha titulación relacionada co mundo audiovisual, “pero os folletos coas materias axudan moito a decantarse”. Tamén moi claro o ten Alejandro Sotelo, aínda en 4º da ESO, que quere facer ADE e define estas xornadas como “positivas e produtivas" e destaca a posibilidade de facer actividades prácticas para "probar". 

Tamén os docentes e orientadores dos institutos valoran moi positivamente esta iniciativa. María de León Herrero e Palmira Pérez, do IES Valadares coinciden con Fernando Blanco, orientador do IES Escolas Proval, que explica que “a feira é unha boísima idea, xa que nós no instituto non temos tempo para informar sobre a educación superior e o noso alumnado pode desprazarse ata o propio campus, coñecelo, facerse unha idea e falar coa xente das diferentes titulacións”.