DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizada polo foro de debate e divulgación científica Ágora Termal

Unha xornada técnica analiza no campus os nexos entre lonxevidade, termalismo e finanzas públicas

Nela destacouse a importancia de apostar por un envellecemento activo e saudable

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Saúde
  • Transferencia
DUVI Ourense 04/12/2025

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolleu este xoves a celebración da Xornada Técnica sobre Lonxevidade, Termalismo e Finanzas Públicas. Organizada polo foro de debate e divulgación científica Ágora Termal, nela participaron especialistas do eido académico e profesional que destacaron a importancia destes factores para un envellecemento activo e saudable. 

Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, salientou que, tendo en conta datos como a cifra de centenarios, “Ourense serve como laboratorio vivo para investigar os factores sociais, culturais, ambientais e biolóxicos que poden favorecer un envellecemento saudable e lonxevo”. Neste senso apuntou as diferentes liñas de actuación que ten a UVigo neste eido, tanto en investigación como en docencia e transferencia, e puxo en relevo a vinculación das xornadas co Campus Auga, o proxecto de especialización acreditado e financiado pola Xunta de Galicia. Do mesmo xeito, Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, destacou o “acaído” de abordar a temática das xornadas dadas as cifras de envellecemento poboacional de Ourense, e de vincular este envellecemento co termalismo e as finanzas. 

Pola súa banda, Laura López del Castillo, xefa territorial da Consellería de Sanidade en Ourense, lembrou que a esperanza de vida está na actualidade en arredor de 83 anos, que España ocupa o cuarto posto en lonxevidade e que Galicia é unha das rexións que ten unha poboación máis envellecida. “Estamos nun momento no que o aumento da esperanza de vida convídanos a reflexionar sobre como garantir unha calidade de vida axeitada e efectivamente un dos elementos que pode ser clave é o termalismo, como un recurso estratéxico que achega beneficios tanto preventivos como terapéuticos”, afirmou. Por outro lado, engadiu, “loxicamente isto ten unha dimensión financeira, que é igualmente esencial”. 

Un reto desde diferentes perspectivas

José Luis Legido, presidente de Ágora Termal, deu a benvida á xornada, apuntando que “aquí estamos sempre loitando por buscar camiños en común e neste campo e nesta cidade hai un punto en común que é o termalismo, que ten que ver co envellecemento, e que ten unha parte financeira”. Nos últimos anos, explican desde a xornada, “asistimos á sucesión dun bo número de publicacións que reiteran a conveniencia de afrontar o estudo do envellecemento demográfico adoptando un enfoque multidimensional que integre todas as facianas recoñecibles do fenómeno”. Unha vez que se ten logrado unha substantiva e xeneralizada ampliación na esperanza de vida, sinalan, “todo apunta a que o reto debe residir en posibilitar que as ganancias en lonxevidade veñan acompañadas dunha mellora na saúde e unha maior calidade de vida en idades avanzadas”, facendo énfase na prevención específica de enfermidades crónicas, cuxa probabilidade aumenta coa idade, e no mantemento da saúde ao longo de todo o ciclo vital. Aspectos todos eles, que, comentan, poden vincularse tamén co termalismo e que motivaron a abordaxe proposta nesta xornada. 

Tras a inauguración, arrancou a programación cunha introdución aos retos da lonxevidade a cargo de José Ángel Vázquez Barquero, director do Departamento de Fundamentos da Análise Económica e Historia Económica da UVigo e coordinador destas xornadas. Seguíronlle conferencias sobre os factores consistentemente asociados á lonxevidade, a cargo de José María Faílde, director do Programa Interuniversitario de Doutoramento en Ciencias Sociais e Envellecemento (Universidade de Vigo); sobre termalismo e envellecemento saudable, a cargo de  María Dolores Fernández, directora médica do Grupo de Balnearios Caldaria, e sobre lonxevidade e prestación de servicios sanitarios públicos, con José Luís Jiménez, vicepresidente do Colexio Médico de Ourense. Ademais, Vázquez Barquero falou sobre os efectos macroeconómicos da lonxevidade, e Sofía Salgado, coordinadora da Revista Científica de Dereito, Auga e Sostibilidade Redas (Universidade de Vigo) sobre lexislación termal e prestacións do Sistema Público de Saúde. A actividade rematou cun coloquio e conclusións a cargo de Roberto Bustillo, catedrático de Dereito Administrativo da UVigo.

Ágora Termal

Esta xornada dá continuidade á actividade do foro de debate e divulgación científica Ágora Termal, que naceu o pasado mes de marzo a instancia dun nutrido grupo de persoal docente e investigador do Campus Auga da Universidade de Vigo “coa vocación de contribuír ao desenvolvemento do termalismo e propiciar o aproveitamento sostible dos recursos xeotérmicos de Ourense”. Con sede na Facultade de Ciencias, está conformado por preto de 30 profesionais procedentes de diferentes ámbitos da universidade, a sanidade, a administración pública e o mundo empresarial privado. Entre os seus fins están crear un foro aberto de reflexión e debate sobre termalismo e aproveitamento sostible dos recursos xeotérmicos; contribuír á divulgación e transferencia do coñecemento e a investigación en materia termal; adoptar unha visión multidisciplinar e transnacional no desenvolvemento dos seus cometidos; asesorar a institucións públicas e operadores privados na toma de decisións concernentes ao aproveitamento sostible dos recursos xeotérmicos e xerar propostas útiles para a acción no ámbito do desenvolvemento termal.