A actividade celebrouse este venres na Facultade de Historia
Unhas xornadas achéganse á relación entre muller e relixión no mundo antigo
Coa participación de investigadoras de diferentes universidades estatais
A Facultade de Historia do campus de Ourense acolleu este venres a celebración da VIII Xornada Olladas á Antigüidade, que nesta ocasión levou por título A muller e a relixión no mundo antigo. Cada ano, esta cita reúne especialistas de diferentes universidades para achegar ao alumnado diferentes cuestións relacionadas co xénero nas principais culturas da historia antiga, é dicir: Próximo Oriente, Exipto, Grecia e Roma. Nesta ocasión, o foco de interese foi a súa relación coa relixión.
A actividade estivo organizada desde o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, contando co financiamento da Unidade de Igualdade da UVigo. A xornada, explicou a súa coordinadora, Helena López, busca cada ano “profundar en cuestións específicas que, polas limitacións de tempo das materias, non sempre podemos abordar coa profundidade que nos gustaría na aula”. Estas xornadas, engadiu, “permítennos precisamente ampliar esa perspectiva e abordar aspectos da historia antiga desde unha mirada centrada nas relacións de xénero”. Esta edición 2026 está dedicada ao estudo das mulleres e a relixión no mundo antigo, un ámbito, explicou a investigadora da UVigo, “especialmente interesante xa que a relixión constituíu un dos espazos nos que as mulleres puideron desenvolver diferentes formas de participación e protagonismo”.
De Próximo Oriente a Roma
A programación arrancou coa conferencia O sagrado en feminino: mulleres, culto e poder no Próximo Oriente Antigo, de Sara Arroyo, profesora axudante doutora da Universidad Complutense de Madrid. Nela propuxo un percorrido polo papel das mulleres na vida relixiosa e política das primeiras civilizacións mesopotámicas. A través de figuras como as nadītu de Sippar, as profetisas de Mari, a raíña Puduhepa e Adad-guppi, explorou como “o culto, a comunicación coa divindade e a devoción relixiosa constituíron importantes fontes de autoridade e poder feminino”. A charla tamén revisou interpretacións historiográficas tradicionais, como o mito da ‘prostitución sacra’, para “mostrar como novas lecturas das fontes históricas permiten recuperar o protagonismo destas mulleres e comprender mellor o seu lugar nas sociedades antigas”.
Seguiulle a conferencia As mulleres e o culto aos ancestros na casa do Reino Novo, ofrecida por Iria Souto, investigadora posdoutoral da Universidad de Alcalá. No seu caso analizou a relación entre os espazos domésticos, os roles de xénero e as prácticas relixioso-máxicas no antigo Exipto, “prestando especial atención a como ditas conexións foron interpretadas a partir dos materiais arqueolóxicos polos primeiros arqueólogos e exiptólogos”. A intervención amosou evidencias arqueolóxicas, iconográficas e textuais que vinculan ás mulleres coas prácticas cultuais desenvolvidas no ámbito doméstico e, en particular, co culto aos antepasados, “unha forma de relixiosidade cotiá orientada tanto a solicitar a mediación dos defuntos en asuntos da vida diaria como a tranquilizar a súa posible influencia negativa sobre o mundo dos vivos”. Aínda que a conferencia centrouse principalmente nas vivendas do Reino Novo, subliñouse a ausencia dun modelo doméstico uniforme aplicable a todo Exipto ou a todas as etapas da súa historia.
Pola súa banda, Irune Valderrábano, contratada posdoutoral (PollutedPast–Cretus), falou de A feminidade na relixión grega: por que as deusas non son mulleres. Nela afondou en que é unha deusa e profundou “nas diferenzas entre deusas e mulleres, a pesar do seu xénero”. A relatora apuntou que “resulta tentador establecer comparacións entre as atribucións das deusas e a vida das mulleres gregas”. Con todo, dixo, e como a historiadora Nicole Loraux mostrou, “o pensamento relixioso na antigüidade era o suficientemente complexo como para evitar equivalencias simplistas”.
Pechou esta edición das xornadas a conferencia Ritos e coidados: prácticas máxico-relixiosas e saúde feminina na antigüidade, de Lidia González, profesora axudante doutora da Universidad de Oviedo. Na súa intervención afondou no uso que as mulleres romanas fixeron das fontes máxico-relixiosas da antigüidade, centrándose especialmente nas prácticas de protección e coidado dirixidas á súa saúde reprodutiva. A través do exame de textos literarios, amuletos e tablillas de maldición, “búscase reflectir como a vulnerabilidade percibida ante riscos como o parto, influíu na creación de estratexias máxicas destinadas a garantir o seu benestar”. Ademais, a convidada falou do uso de amuletos e fórmulas máxicas tendo en conta o seu impacto na xestión emocional e no propio corpo e no papel activo das redes de coidado na implementación destas prácticas, así como a interacción entre medicamento, maxia relixión na Roma antiga.
