Organizadas no marco do programa galego de acollida deste colectivo
Unhas xornadas afondan no campus na protección das mulleres defensoras de dereitos humanos
Na actividade analizouse o impacto da nova política de Estados Unidos
O campus de Ourense acolleu este xoves a celebración das II Xornadas galegas sobre protección e defensoría de mulleres defensoras de dereitos humanos, que levaron por título Os dereitos humanos ante unha nova orde mundial. Nelas analizouse "o impacto das recentes medidas impulsadas polo goberno dos Estados Unidos na defensa dos dereitos humanos a nivel global, así como os riscos que implica a actual deriva ideolóxica en Europa sobre os sistemas de protección internacional".
A actividade estivo organizada polas facultades de Dereito e de Relacións Internacionais e a Área de Equidade e Cooperación da Universidade de Vigo. Formou parte de Galicia Abriga, Programa Galego de Acollida Temporal de Mulleres Defensoras de Dereitos Humanos, cuxas actividades están coordinadas polas oenegués Solidariedade Internacional, Agareso e Ecos do Sur e financiadas por Cooperación Galega e a Cooperación local. Este programa, lembrouse no acto, naceu en 2024 “para que mulleres de organizacións e movementos sociais de países nos que a Cooperación Galega ten presenza, poidan saír temporalmente do contexto de risco para a súa integridade física e psicolóxica no que se atopan, debido ao seu labor como defensoras de dereitos”. A Universidade de Vigo é unhas das 16 entidades que forman parte da rede de apoio a este programa.
A xornada arrancou cunha presentación a cargo de María Paz, de Solidariedade Internacional de Galicia, e seguiu cunha mesa redonda moderada por Lorena Seijo, da Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social, e na que participaron Lucía Álvarez, profesora de Dereito Internacional Público e avogada especializada en protección internacional; María Martín, representante da Iniciativa Mesoamericana de Defensoras de Dereitos Humanos, e Martha Guadalupe Guillén Rosale, defensora de dereitos humanos e xornalista mexicana.