BioDeSost'26 tivo lugar este venres na Facultade de Ciencias
As xornadas anuais do grupo EQ-2 afondan en diferentes liñas de investigación arredor da biomasa e o desenvolvemento sostible
Coa participación de especialistas das universidades de Vigo, A Coruña, Valparaíso e Minho
O grupo EQ-2 da Universidade de Vigo celebrou este venres na Facultade de Ciencias do campus de Ourense a Xornada Biomasa e Desenvolvemento Sostible (BioDeSost'26). Nela, persoal investigador das universidades de Vigo, A Coruña, Valparaíso (Chile) e Minho (Portugal) expuxeron investigacións que se están a realizar na revalorización de materias primas e nos procesos de aproveitamento de biomasa para obter produtos de alto valor engadido.
BioDeSost constitúe desde 2019 a cita anual de referencia para o grupo EQ-2, Grupo de Investigación Biomasa e Desenvolvemento Sostible da Universidade de Vigo, coordinado na actualidade por María Dolores Torres, que tomou recentemente o relevo á catedrática Herminia Domínguez. O grupo conta con case unha vintena de investigadoras e investigadores e está recoñecido como grupo de excelencia pola institución académica e grupo de referencia pola Xunta de Galicia. Nesta xuntanza anual, preténdese dar unha visión xeral das liñas de investigación desenvolvidas neste grupo focalizadas no uso de residuos de biomasa vexetal e mariña para obter produtos de alto valor engadido en diferentes ámbitos de aplicación así coma a doutras e doutros especialistas cos que colaboran.
Das macroalgas aos residuos industriais
Tras a presentación a cargo de María Dolores Torres, a programación arrancou cunha intervención de Xiomara Malvino, da Pontificia Universidad Católica de Valparaíso (Chile), na que presentou as liñas de investigación e os proxectos que desenvolve o Núcleo de Biotecnología de Carauma centrados en enxeñaría ambiental e a sostibilidade. Seguiulle a investigadora Isa Beatriz Ingrez, que está realizando un doutoramento industrial entre a empresa Portomuiños e o grupo EQ2 e que falou sobre as macroalgas como recurso, abordando o seu potencial desde o ecosistema mariño ata o seu aproveitamento en procesos de biorrefinaría.
As xornadas tamén contaron cunha conferencia de Nuno Miguel Sampaio Ribeiro Magalhães da Silva, da Universidade do Minho (Portugal), na que amosou os avances na produción biotecnolóxica de pigmentos naturais, destacando as súas posibles aplicacións en distintos sectores industriais. Por último, da Universidade da Coruña foron dous os investigadores participantes nesta edición de BioDeSost. José Luis Barriada centrou a súa intervención na bioadsorción como alternativa sostible para a remediación da contaminación, poñendo en valor o uso de materiais respectuosos co medio ambiente. Ademais, Pablo Ligero Martínez Risco abordou a revalorización de residuos industriais de taboleiros de media densidade, amosando como a lignina de refugallo pode converterse nunha valiosa materia prima dentro dun enfoque de economía circular.
