DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebraranse de xeito virtual os días 13 e 14 de outubro

As Xornadas de Historia Contemporánea abordarán a transición democrática

A violencia de xénero na antigüidade centrará outra das actividades previstas este mes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI Ourense 10/10/2022

Dúas son as xornadas que proximamente se celebrarán en ou desde a Facultade de Historia do campus de Ourense. Por unha banda, os días 13 e 14 de outubro terán lugar, de xeito virtual, as Xornadas de Historia Contemporánea e do Tempo Presente, que nesta ocasión centraranse na transición democrática. Por outra banda, o día 17 será a quenda da V xornada Olladas á Antigüidade, que nesta edición ten por temática Violencia no universo feminino.

A transición

As Xornadas de Historia Contemporánea e do Tempo Presente están organizadas polo grupo de investigación HC1 e o grupo de innovación docente I2DH da UVigo. Ademais, enmárcanse no Plan de Promoción e Difusión do Patrimonio Natural e Cultural Ourensán posto en marcha pola Facultade de Historia con financiamento da Deputación Provincial de Ourense. Desde a súa organización sinalan que estas xornadas “goza dunha longa tradición dentro o panorama historiográfico galego”. Os seus obxectivos son achegar ao alumnado e ao público interesado algúns dos principais debates historiográficos e as liñas de investigación relacionadas coa docencia da historia contemporánea e o mundo actual, tanto a nivel xeral como de Galicia.

Nesta ocasión céntranse no estudo de diversos aspectos relacionados coa transición á democracia en España baixo o eixe “luces e sombras do proceso transicional”, para o cal contan coa participación de destacadas e destacados expertos que ofrecerán os resultados das súas últimas investigacións nesta temática. “Nestas xornadas, os especialistas debaterán en forma de seminario sobre os seus relatorios para, no mes de marzo do vindeiro 2023, difundilos ao alumnado e público interesado a través dunha canle de YouTube e dentro das Xornadas de Historia Contemporánea e do Tempo Presente organizadas pola Área de Historia Contemporánea da Universidade de Vigo”, explica Julio Prada, responsable da actividade. Ao longo dos dous días de actividade, as e os relatores abordarán de forma telemática temas como as luces e sombras desta etapa histórica; o Movimiento Democrático de Mujeres en Galicia; o terrorismo de extrema esquerda contra a transición, e o terrorismo de ETA, a violencia etnonacionalista e a censura cinematrográfica durante este período. Ademais, Carlos Lozano fará unha aproximación á lexislación provincial durante o reinado de Sabela II (1833-1868), centrándose no caso da Deputación Provincial de Ourense.

A violencia no universo feminino na antigüidade

A actividade formativa arredor da historia continuará o 17 de outubro coa celebración na Facultade de Historia da V xornada Olladas á Antigüidade, que leva por temática Violencia no universo feminino. Esta iniciativa está organizada pola profesora e membro do GEAAT Susana Reboreda con financiamento da Unidade de Igualdade de UVigo, a Deputación de Ourense e o Ministerio de Ciencia. Os seus obxectivos son abordar distintos aspectos da violencia que rodeaba ás mulleres na antigüidade, analizar as vías de violencia física e mental que se realizaba contra elas, reflexionar sobre as vías de violencia que elas empregaban e establecer elementos comparativos entre as sociedades antigas, e entre estas e as actuais respecto a esta violencia da e contra a muller, detectando similitudes e diferenzas.

As xornadas constarán de catro intervencións realizadas por investigadoras e  investigadores e expertas na investigación sobre a muller en distintas culturas da historia antiga: Próximo Oriente, Exipto, Grecia e Roma. Concretamente, abordaranse temas como a violencia en Babilonia segundo o código legal do rei Hammurabi; a violencia contra as mulleres no xacemento de Deir el-Medina; a historia de Clitemnestra e Hécuba  e a violencia feminina nos relatos míticos de Roma (os casos de Lucrecia e Virxinia).