DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O sudirector do Instituto RTVE José Díaz impartiu unha conferencia en CCSS e da Comunicación

Unhas xornadas poñen o foco en como as novas tecnoloxías requiren novos perfís no audiovisual

O conferenciante salientou que a industria require “profesionais polivalentes”

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • TIC
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 20/03/2019

Realidade aumentada, intelixencia artificial, big data, sistemas 4k... Son múltiples as innovacións tecnolóxicas que, a día de hoxe, se integran nas áreas de traballo dunha televisión, como este mércores puxo de relevo na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación o subdirector do Instituto RTVE e profesor asociado da Universidad Complutense de Madrid José Díaz, protagonista das Xornadas de Formación, Empregabilidade e Innovación nas Radio Televisións Públicas que promoveu o Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade. “A dixitalización mudou o xeito de consumir televisión, xerou un cambio de regras e a súa vez novos perfís aos que hai que adaptarse”, salientou Díaz Cuesta nunha conferencia na que puxo en relación o papel da tecnoloxía no mercado audiovisual coa formación e os perfís profesionais que require actualmente a industria.

Formación orientada a roles profesionais futuros no medio profesional era o título dunha conferencia, presentada polo director do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade, Xosé Rúas, e que Díaz abriu afirmando que “a televisión está morta”, co propósito de pór de relevo como “cambiou o concepto de televisión” e a importancia que teñen na actualidade as “segundas pantallas” e os novos xeitos de consumir contidos audiovisuais. “Hoxe ninguén ve a televisión lineal”, salientou o subdirector do Instituto RTVE que apuntou nese senso a un estudo que situaba en 234 minutos diarios a media do tempo que os españois e españolas dedicaron en 2018 á televisión, aínda que moitos hoxe “ven televisión co móbil na man”, o que a súa vez contribuíu “a que se diversificasen as plataformas e as formas de ver televisión”. A partires de aí, Díaz Cuesta foi abordando, a través de diferentes exemplos, como diferentes avances tecnolóxicos, da intelixencia artificial ao 5g, están presentes xa no traballo da entes como a propia RTVE, “onde hai departamentos de innovación e tecnoloxía moi potentes”. Nese senso, Díaz amosou exemplos de como, grazas á realidade aumentada os presentadores de espazos como El Tiempo “interactuan cos contidos dun decorado”, ou como a intelixencia artificial permite que, a partires dunha serie de parámetros, robots elaboren noticias en ámbitos como a economía.

Díaz falou tamén da importancia que ten na actualidade no mercado audiovisual a xestión do big data, poñendo o exemplo de plataformas como Netflix, na que o procesado das bases de datos que se xeran coa información de que contidos consumiron os seus clientes e como os consumiron, un labor “que fan matemáticos”, convírtese no que “ao final decide a programación”. Tamén do chamado mobile journalism ou xornalismo móbil, amosando como as tecnoloxías permiten hoxe en día gravar, editar e enviar á cadea unha peza audiovisual en poucos minutos.

Unha industria que precisa de profesionais polivalentes

Esta serie de exemplos de “cara onde imos e que demanda a industria” levaron a Díaz á defender a necesidade de “adaptar os plans de estudos universitarios cara ese mercado”, xa que estes “novos perfís profesionais non deberían estar tan distanciados da Universidade”. Nese senso, incidiu en  como o sector precisa de novos “perfís profesionais polivalentes, máis adaptados á tecnoloxía do big data, do 5g, o transmedia, os contidos dixitais, o deseño gráfico, a realidade aumentada...” Por iso, o subidirector do Instituto RTVE, entidade que xunto ao seu labor formativo desenvolve proxectos de innovación no seo de RTVE, defendeu nestas xornadas a necesidade de adaptar os plans de estudos das titulacións relacionadas coa comunicación e o audiovisual a esta “nova realidade”.