DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade celebrouse este venres na Facultade de Ciencias

Unhas xornadas poñen o foco na “pandemia silenciosa” da resistencia aos antibióticos

Organizadas pola Área de Microbioloxía da UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 08/11/2024

Na problemática da crecente resistencia das bacterias aos antibióticos, a Área de Microbioloxía da Universidade de Vigo está comprometida desde o punto de vista non só investigador senón tamén divulgativo, desenvolvendo diferentes iniciativas de concienciación cidadá. No marco deste compromiso, este venres celebrou na Facultade de Ciencias do campus de Ourense a VI Xornada de Conciencia sobre o Uso dos Antibióticos.

A xornada foi presentada por María José Pérez, profesora da Área de Microbioloxía, coordinadora do GID Mundo Microbio e do nodo MicroMundo@UVigo. MicroMundo, lembrou, é un proxecto internacional que pretende transmitir á sociedade as bases científicas do problema da resistencia aos antibióticos e tomar acción involucrando a estudantes e sociedade en liñas de investigación orientadas a solucionalo. O seu nodo na Universidade de Vigo está formado por persoal docente e investigador do Grupo de Innovación Docente Mundo Microbio, da Área de Microbioloxía.

A iniciativa, na que a institución académica participa desde 2017 cun equipo coordinado desde a Facultade de Ciencias pola propia María José Pérez, consiste en involucrar a alumnado preuniversitario nun proxecto de investigación real no que participan máis de 14 países e microbiólogas e microbiólogos de 26 universidades de España e Portugal. As actividades de MicroMundo@UVigo realízanse cada ano nos laboratorios dos centros educativos elixidos titorizadas por estudantes de grao e posgrao da Facultade de Ciencias, voluntarios e previamente formados, que exercen de docentes.

Investigar e concienciar  

Tras esta presentación, a programación seguiu cunha conferencia titulada Concienciación sobre as resistencias antimicrobianas, a nivel local e global, ofrecida por Sergi Maicas Prieto, profesor da Área de Microbioloxía da Universitat de València e coordinador do nodo MicroMón e do proxecto Divulsuperbac. O convidado abordou “a gran problemática actual que existe sobre o mal uso ou sobreabuso dos antibióticos”. Así, subliñou, que a pesar de ser esta “unha pandemia silenciosa” e “un dos problemas que nos afectan no século XXI” é quizais “un problema descoñecido”. O relator lembrou que “hai moitos microorganismos que cada vez se están facendo máis resistentes aos antibióticos” e “isto está xerando un problema” que se traducirá en cada vez máis persoas afectadas e maior mortalidade.

Neste contexto, Sergi Maicas Prieto recalcou que “temos que actuar desde o punto de vista investigador” tanto desde o sector público coma privado e explicou o traballo que realizan desde a súa área no ámbito da concienciación a través de proxectos tanto prácticos como teóricos “que están tendo éxito e están contribuíndo á que a xente se conciencie” sobre o mal uso dos antibióticos. Entre eles lembrou o traballo de MicroMundo e a súa utilidade non só para achegar esta problemática ao alumnado de Educación Secundaria senón tamén ás súas familias.

Por último, Julia Carballo, profesora da Área de Microbioloxía da UVigo e instrutora de MicroMundo na UVigo, falou ao público asistente do proxecto DivulSuperBac (DSB) na Uvigo. Trátase dunha actividade de aprendizaxe-servizo na que, utilizando un conxunto de 14 posters, alumnado de Microbioloxía do campus de Ourense explicará a problemática da resistencia microbiana aos antibióticos e concienciará sobre o seu uso ao alumnado de Educación Secundaria e Bacharelato.