DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovidas polo grupo Gies-10 e o Concello de Marín, no marco do proxecto ‘Edukasano’

Unhas xornadas poñen en valor o papel da innovación no futuro da escola

Dirixidas aos docentes que porán en práctica diferentes iniciativas nos centros educativos do munici

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Pontevedra 27/01/2022

Desenvolver unha intervención educativa centrada no fomento de hábitos saudables entre as e os escolares de Marín é o propósito central do proxecto Edukasano que, no marco dun convenio de colaboración, o grupo de investigación Gies-10, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, desenvolve xunto co Concello de Marín. Co propósito de achegar unha serie de propostas e experiencias aos e ás docentes encargados de pór en práctica as unidades didácticas deseñadas polo grupo Gies-10 nos diferentes centros educativos do municipio, a Vicerreitoría do campus de Pontevedra acolle desde este xoves unhas xornadas formativas que poñen o foco na importancia da innovación para a mellora do proceso de ensinanza e aprendizaxe.

Coas súas 50 prazas cubertas, as I Xornadas de Innovación Educativa Proxectando o futuro na escola dende o concello de Marín abríronse con tres conferencias centradas en “aspectos fundamentais” para a innovación educativa, como son o deseño de proxectos, as posibilidades didácticas da gamificación e a aplicación no eido educativo dalgo “fundamental para entender o mundo no que nos movemos, como son os contidos multimedia”. Así o explicou o vicerreitor do campus e coordinador das xornadas, Jorge Soto, no acto inaugural, no que estivo acompañado pola coordinadora do grupo Gies-10, Margarita Pino, e a concelleira de Educación de Marín, Marián Sanmartín.

A través de propostas que toman como punto de partida o contexto social e cultural desta localidade e que se centran na idea das "comunidades de aprendizaxe", pondo de relevo o papel que na educación xogan tanto as familias como os diferentes axentes da contorna, “a idea de Edukasano é formar ao alumnado na alfabetización para a súa saúde a través das diferentes materias do currículo, baseándonos fundamentalmente no movemento e en que o alumno sexa autónomo na súa aprendizaxe”, salientou Pino. No que foi o seu último acto como responsable do grupo Gies-10, que terá como nova coordinadora á profesora María José Martínez Patiño, a catedrática explicou que as investigadoras e investigadores do grupo deseñaron unidades didácticas para cada nivel educativo, desde infantil a bacharelato, que avogan por un “traballo interdisciplinar, algo que co novo currículo vai ser habitual nas aulas”. De feito, estas xornadas están principalmente dirixidas ao profesorado que se encargará de levar a práctica estas propostas nos diferentes colexios e institutos. Neste mesmo senso, Sanmartín valorou que o grupo Gies-10 “pensase en Marín como o espazo piloto desde o que repensar o futuro da escola”, a través do deseño e desenvolvemento de “experiencias académicas que poden axudar a contemplar o modelo educativo desde unha perspectiva máis actual”. Nese senso, a concelleira trasladou aos e ás docentes a necesidade de que “a aprendizaxe e as técnicas educativas que facilitedes ao alumnado respondan ás necesidades do mundo que lles tocará vivir, non do que xa vivimos nós”.

"Se continuamos igual, só conseguiremos o mesmo"

Presentada pola profesora da USC Julia Crespo, a catedrática de Didáctica e Organización Escolar da Universidad de León Isabel Cantón foi a responsable da primeira conferencia das xornadas, que centrou na primeira das fases da innovación, o deseño. “Ver como ideamos e proxectamos o que imos facer”, sinalou, constitúe un “elemento nuclear” da innovación, “o que non significa que sexa un elemento ríxido, pero si unha guía no camiño”. Neste punto, Cantón lembrou que, tanto no ensino como en calquera outro ámbito, “se continuamos igual, só conseguiremos o mesmo”, coa idea de pór de relevo que a innovación implica sempre “un camiño descoñecido para chegar a unha meta desexada ou proposta”. No caso da educación, recalcou, a innovación “será sempre un servizo, non un produto”, de tal xeito que o seu éxito medirase na mellora acadada. “En todos os casos, a importancia da innovación non reside no cambio en si, senón no contexto e nas necesidades”, subliñou esta catedrática. 

Tras este relatorio, as xornadas continuaron coa conferencia que o profesor da Universidad de Granada José Antonio Marín centrou nas posiblidades didácticas da gamificación e cun relatorio sobre a elaboración de contidos audiovisuais e multimedia a cargo do catedrático da Universidade de Alacante Basilio Pueo.

Deseño de programas nas diferentes etapas educativas

Mañá venres, estas xornadas acollen unha serie de obradoiros impartidos por investigadores e investigadoras do grupo Gies-10. En primeiro termo, desenvolveranse tres de talleres sobre o deseño de programas para o desenvolvemento de competencias nos distintos niveis educativos. Concretamente, Sara Domínguez e Mario Diz abordarán a competencia cultural e artística en educación infantil, mentres que Lucía Lomba, Sara Pazo e Sara Fernández centraranse nas competencias en ciencia e tecnoloxía, matemáticas e comunicación lingüística en primaria. Por último, Myriam Alvariñas e Xoana Reguera impartirán un taller sobre como traballar a competencia dixital en secundaria. Xa pola tarde, terán lugar tres novos obradoiros, centrados no traballo coa música, a expresión corporal e o teatro, impartidos por Domínguez, Alvariñas e Fernández, respectivamente. 

As xornadas pecharanse na mañá do sábado cunha actividade que se levará a cabo na contorna o río Gafos e que, baixo o título de O contexto social e natural como recurso didáctico, porá o foco no uso dos recursos da contorna como ferramenta para a aprendizaxe.