DUVI

Diario da Universidade de Vigo

x

Xornadas Turismo

x

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI Ourense 16/12/2025

Un modelo de turismo sostible e policéntrico que transforme a maneira na que se deseña e se consume a experiencia turística, ofrecendo produtos adaptados ás preferencias individuais das persoas visitantes e promovendo una relación equilibrada entre turismo e territorio. Esta é a aposta do proxecto Interreg Atlantic Area Post (Estratexia de Turismo Sostible Policéntrico), que este martes celebrou unha xornada no campus de Ourense. 

Liderado pola Deputación de Ourense, Post reúne a dez entidades públicas de catro países e ten un orzamento de 1,5 millóns de euros, contando con financiamento Feder a través do programa Interreg Espazo Atlántico. A súa xornada de presentación en Ourense levou por título Estratexia de Turismo Policéntrico Sostible e enmarcouse na actividade do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia. A cita foi inaugurada por Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo; María Montserrat Cruz, profesora da UVigo coordinadora da actividade e experta do proxecto; Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico; e Francisco Javier Feijoo, xefe de negociado da Sección de Planificación, Patrimonio e Programas de Cooperación da Deputación de Ourense.  

Post, indican desde a súa organización, propón un modelo alternativo ao turismo de masas, baseado na identidade do territorio e no respecto activo polo seu patrimonio, a súa paisaxe e os seus habitantes. Trátase dunha visión de turismo sostible policéntrico. “Abórdase a compensación e movemento de fluxos turísticos entre territorios, mediante a creación de circuítos e vínculos estratéxicos, desvía os fluxos das zonas saturadas e libera o potencial sen explotar dos destinos máis pequenos”, afirman. O concepto de turismo policéntrico propón distribuír a actividade turística a partir dos grandes polos de atracción, potenciando as pernoctacións e desviando visitas cara localidades e recursos que, pese o seu valor cultural, arqueolóxico, natural ou gastronómico, non son o principal reclamo para unha viaxe de longa distancia. 

A participación da UVigo neste eido

Como líderes do proxecto, desde a Deputación de Ourense destacan a importancia do turismo como un sector clave para transformar os recursos do territorio nunha actividade económica sostible, pero prevendo os efectos negativos derivados dunha xestión inadecuada, como son: a presión sobre o territorio e o deterioro do patrimonio natural e cultural, así como o deterioro da calidade de vida dos seus habitantes. Neste sentido, detallan, “a Deputación xa contratou un servizo de asesoramento en materia de turismo, así como a elaboración dun proxecto turístico piloto e o seu financiamento a nivel europeo, á Universidade de Vigo”. Este proxecto piloto, apuntan, vaise desenvolver e aplicar na zona de Valdeorras-Ribeira Sacra e servirá para probar na provincia de Ourense a validez da estratexia de turismo sostible policéntrico desenvolvida entre todos os socios de Post. 

A posta en marcha destes modelos turísticos xera a necesidade de novas cualificacións e perfís profesionais. Por este motivo, indican desde o proxecto Interreg, o campus de Ourense “desenvolve programas de formación específicos orientados a capacitar profesionais capaces de deseñar, xestionar e comunicar produtos turísticos de autor e propostas policéntricas”. Igualmente, no marco de Post, o campus acolleu tamén a finais de outubro un hackathon-laboratorio de ideas para repensar o turismo, no que 25 participantes de diferentes disciplinas traballaron no "turismo do futuro" apostando por un enfoque innovador e sostible.