DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha visita do reitor e o conselleiro de Educación ás instalacións da facultade 

A Xunta pon en valor a aposta pioneira de Dirección e Xestión Pública por unha virtualización orientada a captar alumnado internacional

Rodríguez e Reigosa valoraron a posibilidade de dar un uso universitario ao Hospital Provincial

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 31/01/2023

Como unha iniciativa “innovadora e pioneira en Galicia” valorou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, a aposta da Facultade de Dirección e Xestión Pública por un modelo híbrido, no que se combinan a ensinanza presencial e a virtual. Fíxoo na visita que realizou este martes ás instalacións desta facultade, á que se adscriben o Grao en Dirección e Xestión Pública, que se converteu en 2020 no primeiro do sistema universitario de Galicia en contar cunha modalidade totalmente virtual, e o máster online en Dirección Pública e Liderado Institucional. Nesa mesma liña pronunciouse tamén o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que destacou a modalidade virtual do grao como “un experimento pioneiro para a atracción do alumnado internacional”.

Xunto a Rodríguez e Reigosa, esta visita a unha facultade constituída o pasado ano e que comparte edificio coa Facultade de Comunicación, contou tamén coa participación da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa; o decano, Enrique Varela, e membros do equipo directivo e docente do novo centro, no que se imparten dúas titulacións previamente adscritas á antiga Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. “O que vimos ver é unha experiencia innovadora no ámbito da docencia”, salientou Rodríguez ao inicio dunha visita dirixida a coñecer a experiencia dun grao que, desde o curso 2020/2021 sumou á súa modalidade presencial outra completamente virtual, co obxectivo de “darlle un pulo a nivel internacional”. Nesa idea incidiu tamén o reitor, que destacou que esta experiencia é “algo moi importante para Universidade”. En declaracións aos medios de comunicación, Reigosa abordou tamén a proposta de destinar a usos universitarios o edificio que actualmente acolle o Hospital Provincial. “Para nós sería fantástico contar con estas instalacións”, sinalou o reitor, que incidiu en que, aínda que “polo de agora non hai nada pechado”, esta posibilidade permitiría “seguir contribuíndo ao crecemento do campus”.

“Virtualizar para internacionalizar”

O propósito desta visita, como explica Varela, era que o conselleiro puidese “coñecer tanto os espazos pedagóxicos e de xestión desta nova facultade”, como “as instalacións e soportes virtuais que temos para o alumnado virtual”, tanto dun grao “único” como dun mestrado con máis de dez anos de traxectoria, "e que son dous dos títulos máis valorados da UVigo nas enquisas de satisfacción”. A través desta visita, buscábase tamén presentar “o plan estratéxico” deste centro, que pasa por “virtualizar para internacionalizar”, como subliñou Varela, que incidiu en que “fóra do noso ADN presencial, esta parte virtual conéctanos" co obxectivo de captar a alumnado doutros países, aposta na que se insiren iniciativas como o convenio de colaboración recentemente asinado coa Universidad Nacional Abierta y a Distancia (UNAD), de Colombia. 

As instalacións do hospital e o crecemento do campus

Nas declaracións previas á visita, Reigosa mostrouse “encantado coa proposta, que estudaremos en breve” de que o edificio que actualmente alberga o Hospital Provincial puidese destinarse nun futuro a usos universitarios. O reitor sinalou que se trata dunhas “instalacións magníficas no centro da cidade”, que poderían contribuír ao crecemento dun campus “moi atractivo para o alumnado" e cun "desenvolvemento futuro que penso que vai ser moi importante”, con iniciativas como "a posta en marcha, esperamos que en breve", do Grao en Deseño. 

Con respecto aos posibles usos que a Universidade podería dar a estas instalacións, o reitor explicou as “distintas posibilidades” abordaranse nun Consello de Campus, xa que “será algo que haberá que estudar entre todos”. Como lembrou, a esta posibilidade súmase ao proxecto de construír un novo edificio na parcela da antiga Tafisa, unha vez se formalice unha cesión duns terreos "que seguimos necesitando" e pola "que estamos moi agradecidos ao Concello”. Inicialmente, sinalou, prevíase destinar este espazo ás facultades de Deseño e Dirección e Xestión Pública, mais a opción de contar tamén co Hospital Provincial obrigará a facer “un estudo global do desenvolvemento do campus”, que englobe tanto “as titulacións coas que xa contamos” co proxecto de pór en marcha a Facultade de Enfermaría, que contaría con tres sedes e integraría aos actuais centros adscritos dos tres campus, pero que “vai ter unha parte importante en Pontevedra”.

Alén disto, engadiu Reigosa, a Universidade atópase tamén “estudando algunhas outras accións, como unha residencia de estudantes”. Actualmente, explicou, a vicerreitora do campus atópase realizando “os traballos previos para avaliar cales son as necesidades reais” respecto dun equipamento co que non conta actualmente un campus “ao que chega moito alumnado de fóra”. 

Tamén o conselleiro de Educación valorou a posibilidade de que, “unha vez que a posta en marcha do Gran Montecelo vai supor que parte dos servizos” do Hospital Provincial “se despracen” á nova infraestrutura, este “edificio tremendamente emblemático” poida ser destinado á Universidade. “Creo que é unha proposta tremendamente interesante. Obviamente, haberá que definila, estudala e cuantificala”, sinalou Rodríguez, que recalcou que se trata dunha iniciativa “que non é inmediata”, pero da que valorou a “conxunción de intereses” entre a administración galega e a institución académica.