DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Deseño e Dirección e Xestión Pública, en Pontevedra, e Relacións Internacionais, en Ourense

A Xunta ratifica a creación de tres novas facultades na UVigo

A falta da súa publicación no DOG e a inscrición no Registro Universitario de Centros y Titulaciones

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 08/07/2022

A posta en marcha de tres novas facultades na Universidade de Vigo deu un novo paso adiante despois de que o Consello da Xunta dese o seu visto e prace á creación das facultades de Deseño e Dirección e Xestión Pública, no campus de Pontevedra, e de Relacións Internacionais, no de Ourense. Tras a súa aprobación por parte do Goberno galego este xoves, o proceso para a creación dos tres novos centros deberá completarse coa súa inscrición no Registro Universitario de Centros y Titulaciones (RUCT) e a súa publicación no DOG, á vez que deberá ser comunicada á Conferencia General de Política Universitaria.

No caso da Facultade de Relacións Internacionais, que terá como sede o Edificio Xurídico-Empresarial do campus de Ourense, a súa creación vén ligada á posta en marcha, no mes de setembro, do novo grao interuniversitario en Relacións Internacionais. A Facultade de Deseño, pola súa banda, englobará o futuro Grao en Deseño, que comezaría a impartirse no curso 2023-2024, xunto co Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, que se imparte actualmente na Facultade de Belas Artes e que se adscribirá á nova facultade tamén no curso 2023-2024. O espazo destinado á Universidade no antigo edificio administrativo da Xunta de Galicia de Benito Corbal será a sede inicial deste novo centro, mentres que a Facultade de Dirección e Xestión Pública desenvolverá á súa actividade no edificio que ata agora era a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. De feito, o novo centro englobará dúas titulacións xa en marcha e ata agora adscritas á facultade coa que compartirán sede, o Grao en Dirección e Xestión Pública e o Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional. Non obstante, a Universidade atópase traballando co Concello de Pontevedra nun convenio que faría posible a cesión dunha parcela nos terreos que ocupaba antigamente Tafisa, nos que a institución académica proxecta a construción dun novo edificio que exerza como sede dos dous novos centros do campus pontevedrés. 

O proceso para impulsar estas tres novas facultades arrancou en outubro de 2020, cando o Claustro da Universidade de Vigo aprobou instar ao Consello de Goberno a iniciar os expedientes de creación dos novos centros. En marzo de 2021, o órgano de goberno encargou ás correspondentes comisións a elaboración das memorias de creación das facultades, que foron informadas polo Claustro e aprobadas polo Consello de Goberno, á vez que tamén recibiron o visto e prace do Consello Social, antes da súa remisión ao Consello Galego da Universidades, que no mes de febreiro informaba favorablemente as tres propostas.  

Novo centro e novo título en Ourense

“A creación da facultade é unha nova moi esperada e fundamental para a posta en marcha do grao, que tan boa acollida tivo xa na fase de preinscricións do alumnado”, salienta Laura Carballo, decana comisaria da Facultade de Relacións Internacionais. No mes de setembro, comezará a impartirse neste centro unha titulación única no noroeste de España, un grao de carácter interuniversitario, que a UVigo oferta xunto coa Universidade da Coruña, e que contará con 22 prazas no campus de Ourense. “Estamos desexosas de contar con todos os recursos humanos e económicos para non só garantirlles aos nosos estudantes unha educación de máxima calidade, senón tamén á cidade de Ourense o atractivo engadido dun programa académico trilingüe focalizado nun eido de crecente importancia xeoestratéxica”, como son as relacións internacionais, salienta Carballo da futura posta en marcha desta nova titulación, incidindo neste senso en que para levar a cabo este labor é preciso o “soporte académico e administrativo” que lles achega a creación da facultade.

Un paso adiante no “posicionamento dunha facultade única”

“A todos os efectos, a partir de aquí podemos pasar dunha situación de interinidade a comezar a actuar xa como unha facultade máis”, salienta desta aprobación Enrique Varela, decano comisario da Facultade de Dirección e Xestión Pública, un centro ao que se adscriben "dous títulos xa vivos" e que suman na actualidade, apunta, preto de 225 alumnos e alumnas. O novo centro engloba o Grao en Dirección e Xestión Pública, que no curso 2020-2021 converteuse no primeiro do sistema universitario galego en contar cunha modalidade virtual, que convive coa presencial, xunto co mestrado online en Dirección e Xestión Pública e Liderado Institucional. “Somos a única facultade que hai en España deste tipo”, sostén Varela, que destaca a importancia que ten a creación do centro de cara a “continuar co traballo de posicionamento como facultade tanto en Galicia, como en España e América Latina”, un labor que, lembra, xa viñan desenvolvendo desde o inicio do proceso e que agora poderán levar a cabo “con plenas capacidades de xestión e cunha axenda propia”.   

Un paso previo á posta en marcha do Grao en Deseño

No caso da Facultade de Deseño, a creación do centro non virá acompañada o vindeiro curso da posta en marcha da nova titulación de grao prevista. Como explicaba hai unhas semanas o vicerreitor de Profesorado, Docencia e Titulacións, Alfonso Lago, aínda que “se fixo todo o posible para que se puideran impartir” o vindeiro curso, a posta en marcha do Grao en Deseño, que ten xa o informe positivo da Xunta de Galicia, está finalmente prevista para o curso 2023-2024. Será entón tamén, como explica o decano comisario da nova facultade, Marcos Dopico, cando pase a adscribirse á nova facultade o Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda (Esdemga), que o vindeiro curso continuará adscrito a Belas Artes. “A creación da facultade é un paso máis, obviamente positivo, que supón un referendo e tras o que quedaría a posta en marcha da titulación”, salienta Dopico, que explica que o Grao en Deseño atópase pendente “da verificación por parte da ANECA, que sería o paso final”. Na súa posta en marcha, a nova facultade terá como sede o edificio de Benito Corbal e a docencia das súas titulacións desenvolveríase tanto nestas instalacións como nalgúns “espazos compartidos con Belas Artes”, como os talleres téxtiles.