DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A peza da estudante de doutoramento Rebeca Lar forma parte de ‘Shorts from Galicia’

A Xunta selecciona a curta dunha alumna de Belas Artes para o seu catálogo de promoción internacional

A obra insírese nun proxecto que explora os vínculos entre memoria histórica e paisaxe

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 03/02/2022

“A verdade é que foi unha selección bastante inesperada. Sorpréndeme compartir espazo con cineastas recoñecidas e recoñecidos, profesionais aos que sigo e admiro”. Deste xeito recibiu a alumna de doutoramento da Facultade de Belas Artes Rebeca Lar a selección da súa curtametraxe Só as árbores coñecen o son das balas para a edición de 2022 do catálogo da Xunta para a promoción internacional das curtametraxes galegas, Shorts from Galicia. Resultado do proxecto que, cunha axuda do Injuve, Lar centrou nos vínculos entre a memoria histórica e a paisaxe galega, a curtametraxe foi unha das sete pezas seleccionadas para o catálogo que a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) difunde en diferentes eventos cinematográficos e que estará presente esta mesma semana no festival internacional francés de Clermont-Ferrant, “referente internacional para a produción e distribución de curtas”, segundo destacou a Consellería de Educación, Cultura e Universidade.

Estreada en setembro na sección de non ficción do Festival de Cans, Só as árbores coñecen o son das balas é unha peza que “xurdiu por casualidade”, cando, no marco do proxecto que desenvolveu grazas ás axudas Injuve, a artista e investigadora atopábase percorrendo “lugares onde asasinaron a persoas durante a guerra e a ditadura”, como a coñecida como a ‘volta dos nove’, en Baiona, ou o monte da Guía, a avenida de Ponte ou o Berbés, en Vigo. “Na curta vese o proceso desta investigación a través de imaxes de paisaxes, elementos naturais, mapas, viaxes en coche..., e sobre todo a través do diálogo, no que eu mesma falo co meu compañeiro sobre casos concretos, describíndoos e vinculándoos con lugares que frecuentamos habitualmente”, relata a artista e investigadora. De feito, recoñece que foi despois de ver estas gravacións, realizadas cunha cámara de fotos e cun teléfono móbil, cando “pensei que podía facer algo con elas” e comezou a traballar nesta peza. 

Nese senso, Lar recoñécese “moi ilusionada” porque unha curta cunha orixe “caseira, por dicilo dalgún xeito”, fose unha das sete pezas seleccionadas na convocatoria impulsada pola Agadic, e da que forman parte, como destacou o Goberno galego, tanto “talentos emerxentes” como realizadores “xa consagrados”. Xunto a Só os árbores coñecen o son das balas, forman parte deste catálogo O niño dos paxaros, da egresada da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Lucía Estévez; 30’ 70 60 120’, da tamén titulada en Comunicación Audiovisual Marta Valverde; Así vendrá la noche, de Ángel Santos; Rompente, de Eloy Domínguez Serén, e Sycorax, unha curta codirixida por Lois Patiño e Matías Piñeiro e producida pola profesora Beli Martínez que o pasado mes de xullo se estreaba no Festival de Cannes.

Exposición en Madrid

A curta incluída en Shorts from Galicia é un dos resultados de El paseo, o proxecto seleccionado nas Ayudas para la Creación Joven, na modalidade de artes visuais, do Instituto de la Juventud (Injuve), adscrito ao Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030. “Consistiu na busca de lugares nos que houbo violencia, represión e asasinatos durante a guerra e a posguerra” na provincia de Pontevedra, coa idea, explica Lar, de “elaborar unha serie de pezas artísticas a partir de elementos naturais atopados neses moitos espazos”. Nese senso, a exposición Lo (in)visible, que nestas semanas pode verse na Sala Amadis do Injuve en Madrid, reúne algunhas das obras xurdidas deste proceso, xunto coas dous outros cinco beneficiarios destas axudas. Concretamente, na mostra que poderá visitarse ata abril, poden verse unha serie de pezas que Lar realizou empregando a técnica do frottage en diferentes “lugares da memoria”, nos que rexistraba con papel e grafito “as placas que recordaban o ocorrido”. 

Xunto a curta e as pezas presentes nesta mostra, El paseo deu lugar así mesmo a outra serie de traballos, como unha autopublicación que “recolle todo o proceso de elaboración” do proxecto ou outra serie de obras como as que integrarán a exposición que Lar inaugura o 12 de febreiro na galería Os catro gatos, de Santiago de Compostela.