DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na 2ª xornada do ciclo de actividades organizadas desde o centro con motivo do 8M

Xurídicas afonda na figura dos Plans de Igualdade con expertas do ámbito académico, sindical e empresarial

Participaron representantes de CCOO, UGT e a CIG e da Confederación de Empresarios de Galicia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI 18/03/2025

Expertas do ámbito académico, sindical e empresarial participaron este luns pola tarde na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo nun seminario no que se afondou na figura dos Plans de Igualdade desde diversos enfoques, tanto académico como dos interlocutores sociais, coa participación dos tres sindicatos máis representativos de Galicia -CCOO, UGT e CIG- e da Confederación de Empresarios de Galicia, CEG. Foi a segunda xornada do ciclo Garantindo a Igualdade, organizado polo centro con motivo do 8M.

O acto contou coa participación de Emma Rodríguez Rodríguez, profesora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo; Rebeca Pérez Pico, técnica do Gabinete de Igualdade de CCOO-Galicia; Trinidad Campos Rodríguez, secretaria de Igualdade de UGT-Galicia; Andrea Alvar Nóvoa, representante do sindicato CIG, e Lucía Rial Pampín, coordinadora do Gabinete de Igualdade da CEG. Exerceu como moderadora a profesora Rosa Rodríguez Martín-Retortillo, coordinadora da Aula de Formación Legal da facultade e codirectora do ciclo xunto á profesora Blanca Otero Otero, coordinadora de Igualdade do centro.

O ciclo, que arrancou o pasado mércores cunha mesa redonda na que se analizou o papel das institucións como garantes da igualdade, rematará este xoves 20 co obradoiro sobre protocolos e recursos antes situacións de acoso sexual e acoso por razón de sexo, que se encargará de impartir a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Yolanda Rodríguez. Diferentes actividades coas que “aproveitar o 8M para darlle visibilidade a esta realidade e fomentar así o debate xurídico desde diferentes prismas”, tal e como explicaba a profesora Rosa Rodríguez Martín-Retortillo na presentación do ciclo.