DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Depositados nos puntos habilitados nas diferentes facultades e escolas do campus

A XVIII Semana de Recollida de RAEE reúne 350 quilos de residuos

Dirixida a concienciar a comunidade universitaria do seu carácter contaminante

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Pontevedra 15/05/2024

Preto de 350 quilos de equipos e compoñentes informáticos e outra serie da aparatos reuníronse no campus na XVIII Semana de Recollida de RAEE (Residuos de Aparellos Eléctricos Electrónicos). Promovida pola Vicerreitoría do campus, esta iniciativa ten como obxectivo concienciar á comunidade universitaria da importancia que ten o seu correcto tratamento como residuos, unha vez rematada a súa vida útil, debido ao carácter contaminante dalgúns dos seus compoñentes. Con ese propósito, entre o luns 6 e o venres 10 habilitáronse nas diferentes facultades e escolas, na Casa das Campás e no Pavillón Universitario un puntos de recollida no que se reuniron, entre outros, 47 equipos informáticos, oito monitores, dous microondas e un bo número de pequenos aparellos.

Coa Escola de Enxeñaría Forestal e o edificio que comparten as facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública como centros con maior participación, nas últimas xornadas procedeuse á recollida dos RAEE depositados nos diferentes centros, que foron trasladados a un xestor autorizado para o seu tratamento. En conxunto, a décimo oitava edición desta iniciativa permitiu reunir 350 quilos de residuos, que se suman aos preto de 900 recollidos na anterior semana de recollida promovida no presente curso, que tivo lugar en decembro.