DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático emérito da UVigo recibiu este martes o galardón

O XX Premio Montero Ríos recoñece a traxectoria de Luis Rodríguez Ennes

Nun acto celebrado no Senado pola Asociación de Xuristas Galegos en Madrid

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 14/12/2021

O catedrático emérito de Dereito Romano e Sistemas Xurídicos Comparados da Universidade de Vigo Luis Rodríguez Ennes recibiu este martes no Senado o XX Premio Montero Ríos, que concede a Asociación de Xuristas Galegos en Madrid (Iurisgama). A concesión do galardón, aprobado por unanimidade, é un recoñecemento á súa dilatada traxectoria académica e investigadora no eido xurídico.

O acto, no que a Asociación de Xuristas Galegos en Madrid tamén outorgou a Xesús Palmou, membro da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación, o XX Premios Iurisgama, contou coa asistencia de numerosas autoridades, entre elas Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo; Ana María Pastor, vicepresidenta do Congreso dos Deputados; Eugenia Carballedo, presidenta da Asamblea de Madrid; e Juan Antonio Xiol, vicepresidente do Tribunal Constitucional.

Satisfacción e agradecemento

“Moi contento e agradecido”, Luis Rodríguez Ennes recibiu un galardón que, dixo, “é un recoñecemento a toda unha traxectoria docente e investigadora, ao longo da vida”, destacando ademais que é outorgado “pola Asociación de Xuristas Galegos en Madrid, un grupo de maxistrados, catedráticos, avogados, funcionarios, etc”. O catedrático emérito da UVigo amosou a súa satisfacción por acadar unha distinción que “ten moi pouca xente” e que supón “unha guinda” á súa traxectoria profesional. “É un recoñecemento vital que honra unha carreira pero tamén á universidade da que formo parte. Tras todos estes méritos que un vai acumulando tamén aparece a Universidade de Vigo”, afirmou o homenaxeado.

Carlos Lema, catedrático de Dereito Mercantil da Universidad Complutense de Madrid e presidente da Asociación de Xuristas Galegos en Madrid, foi o encargado de facer a laudatio dos méritos que a tenor da entidade fixeron a Luis Rodríguez Ennes merecedor desta distinción. Na súa contestación, o catedrático emérito da UVigo agradeceu o recoñecemento e lembrou algunhas das pasaxes e logros máis importantes da súa traxectoria, deténdose en cuestións como o seu “vencello total coa universidade de Galicia” e “os traballos que fixen sobre a historia do dereito de Galicia, abordando moitos autores que non tiñan sido estudados desde o punto de vista xurídico, como o Padre Feijóo, Frei Martín Sarmiento e Álvaro Cunqueiro”.

Case medio século de docencia e investigación

O galardón recoñece unha dilatada traxectoria de Luis Rodríguez Ennes de arredor de 47 dedicados ao ensino e á investigación, que se traduciron en máis de 200 publicacións científicas, 17 libros e outras tantas teses de doutoramento dirixidas, ademais dunha longa traxectoria como profesor visitante de máis dunha vintena de universidades europeas e americanas, entre outros méritos. Nesta traxectoria, ocupa un lugar destacado a Facultade de Dereito do campus de Ourense, da que foi promotor e o seu primeiro decano e da que na actualidade é decano honorífico. Está ademais en posesión de múltiples distincións, entre elas ter sido investido como doctor honoris causa pola Universidad de Comahue (Argentina).