DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As pistas do campus acollerán este evento os días 26 de setembro e 17 e 24 de outubro

A XXXVII Copa Deputación de Ourense de Atletismo reunirá a 250 participantes

Competirán as categorías sub-14 e sub-16

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 24/09/2020

A XXXVII Copa Deputación de Ourense de Atletismo reunirá a 250 deportistas das categorías sub-14 e sub-16, dos que cabe destacar a participación feminina, con 154 mulleres inscritas. A cita desenvolverase en catro xornadas, tendo lugar os días 26 de setembro e 17 e 24 de outubro nas pistas de atletismo do campus de Ourense.

A presentación deste evento deportivo tivo lugar este xoves na pista de atletismo universitarias nun acto no que participaron representantes das entidades implicadas na súa organización, como son Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Rodrigo Alberte, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte do campus de Ourense; Eladio Gómez, vicepresidente primeiro da Federación Galega de Atletismo; Manuel Pérez, xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta, e Ángel Fidalgo, delegado en Ourense da Federación Galega de Atletismo.

Catro xornadas

Esta Copa Deputación, organizada pola Federación Galega de Atletismo a través das súas delegacións en Ourense e Valdeorras, desenvolverase en catro xornadas que darán comezo o sábado 26 de setembro, no campus de Ourense. Continuará no estadio de Calabagueiros, o 3 de outubro, coa segunda xornada. Posteriormente a competición volverá ao campus de Ourense onde se celebrarán a terceira e a cuarta xornada da copa os días 17 e 24 de outubro, respectivamente. A primeira xornada, prevista para o sábado 26 de setembro, comezará a partir das 10.30 horas e as probas para as categorías sub-14 e sub-16 de 80 m, 100 m, 500 m, 1000 m, 220 m valos, 300 m valos, triplo e peso.

A competición realizarase conforme ao protocolo anti covid-19 da Federación Galega de Atletismo e aprobado pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. Celebrarase a porta pechada, só podendo acceder á instalación as e os atletas, xuíces e persoal de organización e un delegado e un adestrador (por ratio de dez atletas) por club. As e os rapaces poderán acceder á instalación unha hora antes da súa competición e deberán abandonala inmediatamente despois.