DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘Trabajo y capital en el siglo XXI’ xa está esgotado en papel

Yolanda Díaz escribe a presentación da edición en aberto dun dos últimos libros de Albino Prada

A vicepresidenta resalta a actualidade das temáticas tratadas e a capacidade analítica e de síntese

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HRS4R
  • Publicacións
  • Institucional
D. Besadío DUVI 28/04/2023

Coincidindo coas celebracións do 1 de maio, Día Internacional dos Traballadores, a Universidade de Vigo acaba de publicar en acceso aberto un dos últimos libros do investigador de Ecobas Albino Prada, Traballo e capital no século XXI, unha obra editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, xa esgotada en formato papel, e que incorpora para esta versión dixital unha breve presentación da ministra de Traballo e Economía Social e vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, quen destaca a “actualidade dos asuntos considerados e a capacidade analítica e de síntese do seu autor”.

Nesta obra, editada hai xusto un ano, o autor métese de cheo na reflexión sobre o presente e o futuro do traballo asalariado. “Aparecen así en escena as formas de desalarización, de precarización, de dependencia extrema e de risco de pobreza no hipercapitalismo dixital”, explica no seu texto a ministra, quen tamén fai fincapé en que a parálise da redución da xornada semanal e o crecente número de anos de vida laboral para uns, mentres outros cidadáns sofren desemprego ou subemprego. “Falamos das diversas formas da crecente subordinación do traballo ao capital, baixo a batuta dun consenso neoliberal hexemónico desde hai xa medio século”, subliña Díaz, quen anima aos lectores a achegarse a unha obra “cun estilo persoal e clarificador, análise e alternativas que considero iluminan a necesaria folla de ruta –tanto a corto como a medio prazo- cara unha sociedade decente”.

A colaboración do investigador de Ecobas con Yolanda Díaz e a súa equipa vén de longo.  “Penso que o seu traballo no ministerio estase a enfrontar a moitos dos asuntos que analizo neste libro”, salienta Prada, quen fai referencia a asuntos como a contratación temporal, os falsos autónomos, o traballo doméstico, o tele-traballo, a suba do SMI, etc. que levaban décadas nun proceso de subordinación e dependencia extrema para os traballadores. “O seu actual prestixio nestas reformas é algo que pode axudar a divulgar as luces longas que eu tento dar ao lector deste ensaio”, considera o autor do libro.

Aposta da UVigo polas publicacións en aberto

Xunto a este libro tamén están esgotadas as outras dúas obras de Albino Prada publicadas de xeito recente polo Servizo de Publicacións da UVigo: Riqueza nacional y bienestar social. Más desarollo con menos crecimiento e O país dos sen alma, no que se recupera a figura do monxe tudense Rosendo Salvado. “A verdade é que os textos de Albino Prada teñen exito porque tratan cunha linguaxe rigurosa, mais accesibel a todos, asuntos económicos dos que falamos a diario e que nos afectan a todos”, salienta o director do servizo, Jorge Luis Bueno, quen explica que dende o 2019 a política da UVigo é pasar a espazo aberto todas as publicacións tras 18 meses de vida en papel coas reimpresións que se sexan precisas. “Isto é importantisimo para darlle vida aos textos, para que sempre estean accesibles ao publico”, subliña Bueno, recalcando o feito de que “para un servizo pequeno como o noso e de orzamento minguado, mover todo o stock e ter sempre todo canto facemos ao dispor do publico é a mellor forma de seguir defendendo a vitalidade do libro impreso e de apostar claramente pola ciencia aberta nunha segunda fase”. 
 

Libro en aberto