DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora releva no cargo a Águeda Gómez

Yolanda Rodríguez, nova directora da Unidade de Igualdade: “As universidades deben liderar o cambio social de construír sociedades xustas, igualitarias e libres de violencias”

Entre os retos que afrontará no seu mandato están a elaboración do novo Plan de Igualdade da UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI Ourense 17/01/2025

Desde este mes de xaneiro, a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo conta cunha nova directora. Trátase da profesora, especialista en temas de xénero, Yolanda Rodríguez, que releva no posto a Águeda Gómez, fichada como asesora científica do Ministerio de Igualdade. Ela asume o cargo coa convicción de que “as universidades deben liderar o cambio social de construír sociedades xustas, igualitarias e libres de violencias tanto no espazo on line como off line”. Entre os retos que afrontará no seu mandato están dar continuidade á programación da citada unidade e a elaboración dun novo Plan de Igualdade para a UVigo.

Yolanda Rodríguez é profesora titular da Área de Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. É doutora en Psicopedagoxía, membro do equipo de investigación Saúde, Sexualidade e Xénero (PT1) da Universidade de Vigo e está especializada en temas de xénero, sexismo, estereotipos de xénero, sexualidade e violencias sexuais e de xénero. Liderou proxectos de investigación en convocatorias autonómicas e estatais e participou en máis de vinte convocatorias internacionais, estatais e autonómicas. Ademais ten publicado máis de 130 artigos en revistas estatais e internacionais e é coautora de arredor de 15 libros.

Ilusión e responsabilidade

Ante a nova responsabilidade que asume, Yolanda Rodríguez subliña que se sinte “moi ilusionada”, pois, indica, “este nomeamento representa para min un recoñecemento á miña traxectoria docente e investigadora”. Neste senso fai fincapé no seu agradecemento a Manuel Reigosa, reitor da UVigo, e ao seu equipo reitoral, que, subliña, “confiaron en min para asumir este importante rol”, e sinala que a súa achega “será compromiso, traballo, responsabilidade e lealdade coa propia institución”.

Sobre a Unidade de Igualdade, a súa nova directora recalca que “desempeña un papel esencial na promoción dunha contorna igualitaria e equitativa para todas as persoas da comunidade universitaria”. A igualdade, lembra, “é un dous eixes nos que se sustenta o noso Plan Estratéxico de UVigo (2021-2026) e no que a defensa da plena igualdade de trato e de oportunidades entre homes e mulleres é un valor propio da nosa institución”. Yolanda Rodríguez sinala que a relevancia deste órgano manifestase no traballo que fai “na promoción da igualdade de oportunidades; na educación e sensibilización; no apoio e asesoramento ante situacións de discriminación ou violencias; no desenvolvemento e implementación de políticas e procedementos para previr e abordar calquera forma de discriminación ou acoso dentro da universidade, creando un ambiente seguro e respectuoso”. A Universidade Vigo, subliña, “é pioneira na tolerancia cero fronte ás violencias (sexuais e de xénero) e xunto coa Unidade, é responsable de crear contornas seguras e igualitarias para toda a comunidade universitaria”.

Continuidade e novos retos

Sobre as súas expectativas para o mandato que comeza, a directora da Unidade de Igualdade da UVigo apunta que en primeiro lugar quere “seguir coas numerosas iniciativas e proxectos innovadores xa encamiñados pola anterior directora, Águeda Gómez, que desempeñou un magnífico traballo na Unidade”. Entre moitas delas cita o Plan Corresponsables, en colaboración coa Xunta de Galicia; a Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo; o Observatorio de Igualdade; o Itinerario formativo virtual en xénero, así como os premios, distintivos e convocatorias para realizar as actividades docentes e de sensibilización.

En todo caso, o reto máis importante deste ano será, indica Yolanda Rodríguez, elaborar un novo Plan de Igualdade para a UVigo adaptado á actual normativa universitaria (LOSU). En primeiro lugar, adianta, farase unha diagnose detallada dos resultados obtidos no anterior plan para seguir afondando nas cousas non alcanzadas plenamente e “propoñer novas medidas que promovan valores de xustiza, respecto e igualdade que beneficien a toda a comunidade universitaria”.

Entre outros obxectivos, a profesora tamén dá protagonismo a “seguir traballando na prevención, sensibilización e intervención do acoso sexual e en función do sexo tanto na dimensión off line como en liña”. Neste senso recalca que “crear unha contorna universitaria libre de violencias é esencial para o benestar de todas as persoas que formamos a Universidade (estudantado, PDI, PAS e outros colectivos)”.

Para acadar unha igualdade real, comenta Yolanda Rodríguez, “aínda temos moito traballo por diante”. Ademais, afirma, “xorden novos desafíos promovidos pola dixitalización da sociedade, que provocan cambios relevantes na forma que temos de relacionarnos e de comunicarnos”. Os patróns sexistas e estereotipados das relacións, subliña, “traspasan a esfera en liña e materialízanse a través das diversas ciberviolencias sexuais e de xénero”. Neste contexto, advirte a profesora, “desde a Unidade de Igualdade debemos estar en alerta ante estes novos fenómenos de violencia en liña para previlos e combatelos”.