Protocolo de acceso aos laboratorios de investigación durante o estado de alarma para a realización de proxectos de investigación e contratos que non poidan ser adiados por máis tempo

UVigo - Comunicación 27/04/2020

Marco legal

Este protocolo dítase consonte o disposto no punto primeiro da RR do 14 de marzo de 2020 de peche temporal de instalacións, centros e servizos na Universidade de Vigo (prorrogada pola RR do 1 de abril) onde se resolve «pechar durante 16 días naturais a partir da data da presente resolución todos os centros da Universidade de Vigo, con prohibición de acceso agás para o PAS en servizos mínimos e o PDI en casos xustificados».

Obxecto

Establecer as medidas preventivas para garantir a seguridade e a saúde das persoas que vaian traballar de forma presencial aos espazos da Universidade de Vigo mentres dure o estado de alarma. Este protocolo revisarase e ampliarase unha vez rematado o estado de alarma, posto que está prevista unha reincorporación progresiva e se intentará manter o teletraballo o máximo posible, polo menos durante dous meses, tal como se recomenda no Real decreto-lei 15/2020 do 21 de abril de medidas urxentes complementarias para apoiar a economía e o emprego.

Acceso aos centros e aos laboratorios

Poderán acceder aos centros as persoas que executan proxectos de investigación ou transferencia que, baixo a responsabilidade do ou da IP que os lidera, entendan que non poden aprazar a súa execución ou non se poden realizar de xeito non presencial. Así como o persoal docente que teña dificultades de conexión e deba acceder puntualmente ao seu despacho para garantir unha axeitada docencia non presencial co seu estudantado.

Proceso

No caso dos accesos relacionados con proxectos, a persoa responsable do proxecto (IP), a través da dirección ou do decanato do centro, identificará o laboratorio ou a estancia onde se vai realizar a investigación e presentaralle á Vicerreitoría de Investigación mediante un correo electrónico a vicinv@uvigo.es as necesidades por semanas das persoas que precisan traballar, cunha solicitude de acceso e cunha descrición detallada (ver formulario).

De igual xeito, o persoal docente a través da dirección ou do decanato do seu centro, indicará as necesidades e os tempos de acceso ao seu despacho ou á dependencia na que vaia realizar o seu labor docente. As solicitudes por centro enviaránselle á Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado por correo electrónico (vicprof@uvigo.es).

Tanto para os permisos por motivos investigadores como para aqueles por motivos docentes respectaranse as seguintes normas:

  • Deberán facerse dúas quendas de traballo, cun máximo de 4 horas por quenda.
  • En cada estancia por cada quenda só poderá haber unha persoa.
  • Respectaranse as normas de seguridade do Servizo de Prevención de Riscos Laborais.
  • O persoal accederá aos centros coa tarxeta universitaria. Non se lle permitirá a entrada a quen non teña tarxeta ou non teña relación contractual coa Universidade de Vigo.
  • Non se permitirá o acceso ni na fin de semana nin nos festivos por non existir servizo de limpeza.

Mentres dure o estado de alarma, as peticións enviaranse todos os luns e autorizaranse desde o martes ata o martes seguinte.