Día Internacional das Traballadoras e Traballadores 2021

UVigo – Responsabilidade social agenda 2030 29/04/2021

Hoxe celébrase o Día Internacional das Traballadoras e Traballadores. Esta festividade ten a súa orixe na tráxica folga multitudinaria do 1 de maio de 1886 en Estados Unidos na que faleceron varias persoas sindicalistas que loitaban por unha xornada laboral de oito horas e por unhas condicións laborais dignas.

Na actualidade, este día celébrase na maioría dos países democráticos de todo o mundo co fin de lembrar todos os avances sociais e de reivindicar os dereitos laborais de todas as persoas. Aínda son moitos os países onde os traballadores e traballadoras, a pesar de realizar longas xornadas laborais, non obteñen o salario suficiente para facer fronte ás súas necesidades básicas ou desenvolven a súa actividade nunhas condicións perigosas ou pouco hixiénicas. Isto supón que cada vez máis persoas emigren dos seus países para atopar mellores oportunidades de emprego, na procura dun traballo decente e dunhas mellores condicións de vida. Por outra banda, o emprego xuvenil segue a ser un desafío global. No mundo hai 64 millóns de mozas e de mozos desempregados e 145 millóns dos que traballan viven en situación de pobreza. 

Para crear un futuro prometedor e conseguir seguridade económica, igualdade de oportunidades e xustiza social cómpre unha transformación social mundial que amplíe as opcións de traballo dispoñibles, acabe coa fenda de xénero e reverta os estragos causados polas desigualdades e agravadas pola actual pandemia. 

Desde a Área de Responsabilidade Social e Cooperación, tendo en conta o ODS 8 «Traballo decente e crecemento económico» e o ODS 10 «Redución das desigualdades», queremos transmitirlle á comunidade educativa a importancia de loitar por un traballo decente para todos e todas a través da promoción do crecemento económico inclusivo e sostible.
 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36300 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal