ODS 6 «Auga e saneamento para todos e todas antes de 2030

Día Mundial da Auga 2021

UVigo – Responsabilidade social agenda 2030 18/03/2021

Desde 1993 celébrase cada 22 de marzo o Día Mundial da Auga establecido polas Nacións Unidas. O seu obxectivo é lembrar a importancia da auga e o seu papel crucial no desenvolvemento sostible, na economía mundial e na redución da pobreza, así como concienciar sobre a escaseza deste ben de primeira necesidade e sobre a busca de solucións a este problema.

A auga é indispensable no día a día de todas as persoas, desde cociñar ou bañarse ata a regadura dos cultivos ou o consumo do gando, que despois serven de alimento. Aínda así, actualmente o 40 % da poboación está afectada pola escaseza de auga, o 30 %  carece de acceso a servizos de auga potable seguros e o 60 % a instalacións de saneamento seguras, segundo os datos da ONU. Co tempo e a medida que a poboación se foi incrementando, a demanda de auga potable tamén foi aumentando. Isto, sumado ás consecuencias do cambio climático, fixo que a auga potable se convertese nun ben escaso e prezado ao que, quizais, non se lle dá a importancia e o valor que realmente ten. A isto fai referencia o lema deste ano: «Valoremos a auga».

Desde ONU-Auga e con referencia ao lema mencionado, debemos valorar a auga desde cinco perspectivas: 

  1. Valorar as fontes de auga: protexer o medio ambiente do cal obtemos auga e ser conscientes da súa contaminación.
  2. Valorar as infraestruturas hidráulicas: estas permiten almacenar e transportar a auga a onde sexa necesaria e tamén limpala par a súa reutilización ou a súa volta á natureza.
  3. Valorar os servizos relacionados coa auga: saneamento e hixiene, algo sumamente imprescindible hoxe en día debido á covid-19.
  4. Valorar a auga como recurso para a produción e a actividade socioeconómica: sobre todo na agricultura, mais tamén na industria, na creación de enerxía...
  5. Valorar os aspectos socioculturais da auga: relixión, cultura e recreación, dos que moitas veces nos esquecemos.

Así pois, a conmemoración deste día pretende lembrarnos a importancia de cumprir o obxectivo de desenvolvemento sostible 6 «Auga e saneamento para todos antes de 2030» que tenta:

  • Lograr o acceso universal e equitativo á auga potable a un prezo accesible para todos e todas.
  • Conseguir o acceso a servizos de saneamento e de hixiene adecuados e equitativos para todos e todas.
  • Mellorar a calidade da auga reducindo a contaminación, eliminando a vertedura e minimizando a emisión de produtos químicos e materiais perigosos.
  • Aumentar o uso eficiente dos recursos hídricos en todos os sectores e asegurar a sustentabilidade da extracción e o abastecemento de auga doce.
  • Protexer e restablecer os ecosistemas relacionados coa auga.

As metas son ambiciosas, mais non imposibles. Non debemos esquecer nunca o verdadeiro valor que ten a auga non só para as persoas, senón tamén para todos os seres vivos e para a conservación da fauna, da flora e do planeta. Nós podemos apoiar a iniciativa comprometéndonos a facer un uso adecuado e responsable deste ben.

Ademais, a campaña deste ano da ONU anima as persoas a achegar as súas historias, reflexións ou experiencias sobre o valor da auga utilizando o cancelo #Water2Me nas redes sociais. Ao final recompilaranse algúns dos comentarios e das opinións enviados e crearase un documento sobre o que a auga significa para as persoas de todo o mundo. 

Ti tamén podes participar e contarnos que significa a auga para ti!

 

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36300 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal