Día Mundial da loita contra a desertización e a seca 2022

UVigo – Responsabilidade social agenda 2030 13/06/2022

Todos os anos, cada 17 de xuño conmemoramos o Día Mundial de loita contra a desertización e a seca. A ONU proclamou esta data no ano 1995 co obxectivo de concienciar a sociedade de que as secas representan graves problemas, presentes e futuros, para toda a humanidade e que por ese motivo debemos abordar e procurar solucións para esta situación. 

Neste 2022, Madrid é sede deste día mundial que se celebra baixo o lema «Superando xuntos as secas» coa intención de recalcar que é necesaria a acción temperá para evitar consecuencias desastrosas para a humanidade e os ecosistemas planetarios. 

Que son a desertización e a seca? 

Por unha banda, a desertización é o resultado da degradación dos solos debido á falta de auga, á deforestación dos bosques ou mesmo por unha sobrexplotación dos acuíferos. Pola outra, a seca é un cambio no clima que, principalmente, ocorre pola falta de precipitacións e afecta considerablemente a todas as especies que habitan ou crecen nese territorio.

Esta situación está producindo un impacto grave no noso planeta. Dende o ano 2000 o número e duración das secas aumentou de maneira alarmante nun 29%. Ademais, as previsións científicas actuais prognostican que irán en aumento e que as súas consecuencias  poderían afectar a máis das tres cuartas partes da poboación mundial en 2050.

A loita contra estes fenómenos debe realizarse non só polos estados e as institucións, senón tamén dende a acción individual de cada un como, por exemplo, participando en voluntariados de reforestación ou simplemente adoptando hábitos sustentables como utilizar a auga de forma responsable.

Os obxectivos da Axenda 2030 están estreitamente relacionados con esta loita xa que é unha situación que afecta ou afectará a unha gran parte da poboación en todos os sentidos. En concreto, os ODS nos que fai eco esta situación son o número 13 «Acción polo clima» ou o 12 «Produción e consumo responsables», xa que os hábitos sostibles e responsables son necesarios para conseguir reducir ou parar a desertización e a seca.

Se queres ou precisas obter máis información sobre a desertización e a seca, consulta a web da ONU


Fotografía da Organización das Nacións Unidas. 

 

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal