Día Mundial da Sida

Solidariedade mundial, responsabilidade compartida

UVigo – Responsabilidade social agenda 2030 01/12/2020

Cada 1 de decembro conmemórase o Día Mundial da Sida, que neste 2020 ten por lema «Solidariedade mundial, responsabilidade compartida». Nestes tempos cómpre lembrar que, para rematar co virus de inmunodeficiencia humana (VIH) e coa covid-19, é preciso eliminar o estigma e a discriminación, poñer as persoas no centro da pandemia, basear as respostas nos dereitos humanos e adoptar enfoques con perspectiva de xénero.

As estatísticas mundiais sobre o VIH expostas en 2019 por ONUSIDA, indican que 38 millóns de persoas vivían co VIH e ao redor de 7,1 millóns descoñecían que o padecían. Malia o importante número de persoas afectadas, aínda existe un gran descoñecemento sobre este tipo de virus e unha gran parte da sociedade segue utilizando como sinónimos termos tan diferenciados como VIH e sida.

O VIH é un retrovirus caracterizado por actuar sobre o sistema inmunitario humano, diminuíndo o número de glóbulos brancos encargados da defensa do organismo ante enfermidades. Este virus non se transmite a través dos bicos ou compartirndo os aseos públicos, nin a través da saliva, das bágoas ou da suor. É importante coñecer que só existen tres modos de transmisión: por vía sexual, cando non se utilizan preservativos nas relacións sexuais con penetración, por vía sanguínea a través de materiais ou de instrumentos cortantes que estiveran en contacto co sangue (xiringas ou agullas) ou por vía nai-fillo durante o embarazo, o parto e a lactación. Por outra banda, a sida (síndrome de inmunodeficiencia adquirida) é un estado avanzado da infección causada polo VIH que provoca una destrución progresiva do sistema inmunitario e as persoas que o padecen poden contraer certos tipos de cancro, infeccións ou outras manifestacións clínicas crónicas de gravidade.

Acadáronse moitos avances na resposta mundial fronte ao VIH que supuxeron unha diminución de falecementos e de novas infeccións. Os tratamentos de antirretrovíricos que reciben numerosas persoas con VIH están suprimindo ao máximo o virus, freando a súa progresión e reducindo a súa transmisión. Non obstante, o descoñecemento destes avances e a pouca información que a sociedade ten sobre o VIH e a sida aínda supoñen un motivo de discriminación para as persoas que o padecen. A serofobia segue a ter presenza nas rúas e os grandes prexuízos e os rexeitamentos que aínda seguen a existen tanto no eido social como no institucional cara ao VIH e á sida provocan que as persoas que o padecen o sufran soas e en silencio.

Entre os obxectivos que forman parte da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, atópase o Obxectivo 3: Saúde e Benestar. Ademais de buscar a fin da epidemia da sida como ameaza para a saúde pública, este obxectivo tamén ten como propósito axilizar e centrar as iniciativas de prevención da transmisión do virus, proporcionando tratamento antirretrovírico e atención integral e de longo prazo a todas as persoas infectadas, así como axudar a facer fronte á estigmatización e á discriminación que sofren as persoas doentes. 

Desde a Universidade de Vigo, querémonos unir a esta celebración instando os países para que multipliquen os seus esforzos para acadar sociedades máis saudables. Neste Día Mundial da Sida pedímosvos a todas as persoas solidariedade mundial e responsabilidade compartida!

 

Podes acceder á listaxe completa de campañas dos obxectivos de desenvolvemento sostible aquí.

 

Máis información:

Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal

ODS 3 Saúde e Benestar