DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A 15ª Mostra de Teatro Infantil de Ourense celebrarase o día 21 e do 26 ao 30 de decembro

19 representacións para celebrar 15 anos de Moti

O campus acollerá parte da súa programación e a Aula Geppetto estrará a súa última obra

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Música
  • Teatro
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 17/12/2018

O Nadal xa está aquí e como cada ano por estas datas volve á carteleira a Mostra de Teatro Infantil de Ourense (Moti). A cita, que este ano terá lugar o día 21 e do 26 ao 30 de decembro, celebrará a súa edición número 15 levando aos principais escenarios da cidade 19 representacións para o público infantil. Unha edición máis o campus de Ourense terá un protagonismo especial nesta mostra, xa que, ademais de ser unha das entidades promotoras, as instalacións universitarias acollerán varios dos seus espectáculos e a Aula Universitaria de Teatro Infantil Geppetto estreará a súa última obra.

A rolda de prensa de presentación da 15ª Mostra de Teatro Infantil de Ourense tivo lugar este luns no Concello de Ourense contando coa participación de representantes das entidades implicadas na súa organización. Lembrado como a Vicerreitoría do  Campus de Ourense, entón dirixida por Andrés Mazaira, foi a promotora hai 15 anos do nacemento desta mostra, Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, salientou nesta presentación como “é unha ledicia ter o campus cheo de vida, de nenos acompañados polas súas familias” nas datas de celebración desta mostra.  

Pola súa banda, Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, subliñou como a Moti é “unha cita imprescindible no calendario cultural da cidade”, facendo fincapé en como se trata “dunha actividade de formación e desenvolvemento” para os máis cativos e cativas e como nela as familia son copartícipes dos momentos de lecer dos seus fillos e fillas. Do mesmo xeito, Belén Iglesias, concelleira de Cultura, puxo o aceno na relevancia de que a mostra estea dirixida aos nenos e nenas, “o público do futuro”. Asistir ás súas representacións, indicou Olga Mojón, directora do Teatro Principal, pode “ser un bo inicio dentro do mundo do teatro” para as e os máis cativos.

Cantidade e calidade

Fernando Dacosta, director da Moti, salientou como esta 15ª Mostra de Teatro Infantil de Ourense, que conta con 49.000 euros de orzamento, coidará un ano máis a cantidade da súa programación como tamén a súa calidade. Así, indicou, haberá 19 representacións de 14 compañías, boa parte delas galegas pero tamén de Euskadi, Castela e León, Valencia Madrid e Portugal. O tipo de espectáculos será moi diverso, desde teatro de rúa ou de actor ata clown ou monicreques. Dada a elevada demanda que hai cada ano, indicou Dacosta, cada día haberá unha media de tres espectáculos, chegando algúns dos días a cinco. Os prezos, apuntou, serán de 3 ou 4 euros segundo a obra, indicando como estes prezos son posibles grazas ao financiamento das entidades implicadas. Os lemas escollidos nesta edición, comentou o director da Moti, son O teu tempo cos nenos é o mellor agasallo e O teatro, un hábito saudable, facendo fincapé en como detrás do aspecto lúdico do teatro infantil está a transmisión de valores e coñecementos que implica.

Sobre a súa valoración dos 15 anos da mostra, Fernando Dacosta salientou como “desde o primeiro ano contou co favor do público”. “Cando se abre o pano e cando ves esa ilusión na ollada de nenos e nenas e de calquera persoas que os acampaña... eso é o motor, o que compensa, a ilusión”, subliñou o director da Moti.

Actuacións no campus

O campus de Ourense volverá ser un dos escenarios principais desta mostra, acollendo case cada día na Sala Emilia Pardo Bazán, no soto do Edificio de Ferro, ou no exterior unha das súas actuacións. Así, o xoves 27 acollerá un Concerto punk infantil a cargo de Peter Punk Pallaso e Brais das Hortas, destinado a todos  os públicos. O venres 28 actuará Rilo & Penadique, que representará a súa peza de narración oral para nenos e nenas a partir de 5 anos O pozo das señoras. Por último, o sábado e domingo, a compañía de clown de Castela e León Jean Philipe Kikolas representará a súa obra Calor, destinados a nenos e nenas a partir de 4 anos. Neste caso, será nunha carpa exterior situada entre os edificios de Ferro e o Politécnico. Os tres euros que costa cada entrada nas actuacións no campus de Ourense terán un fin solidario, destinándose as recadacións destas actuacións a Unicef.

Estrea da Aula Geppetto

Entre a programación desta mostra tamén hai que destacar como o mércores 26, unha das catro aulas de teatro do campus de Ourense, concretamente Geppetto, a Aula Universitaria de Teatro Infantil, representará ante o público a súa última produción, que leva por título Aprendiz de Bruxa. Será en dous pases, ás 18.15 e 19.30 h no Auditorio Municipal de Ourense. Destinada a un público a partir de 4 anos, a peza conta coa dirección e dramaturxia de Elena Seijo, directora desta aula, a partir de Kika Súper Bruxa. A obra fala de como unhas bruxas, ao final do seu mandato, buscan “unha boa e digna sucesora” e para iso mandarán aos seu sobriño, o trasno Damián, co libro de feitizos a buscala. Pero na súa misión aparecerán moitas dificultades, xa que a maga malvada está de volta na terra e tamén quere facerse co libro para ser dona do mundo.