DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A décimo primeira viaxe de estudos arqueolóxicos terá lugar do 21 de febreiro ao 1 de marzo

25 persoas rumbo a Turquía

Percorrerán Istambul e o norte do país

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI Ourense 19/02/2020

Como cada ano por estas datas, alumnado e profesorado da Facultade de Historia do campus de Ourense prepárase para a celebración da súa xa tradicional viaxe de estudos arqueolóxicos “autoxestionada, bastante alternativa, aventureira, moi participativa e a baixo custe”. Nesta ocasión, o destino elixido é Turquía, e de novo serán 25 as persoas que percorrerán parte deste país para coñecer a súa historia e cultura.

A actividade está organizada polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo e a Delegación de Alumnos da Facultade de Historia. A viaxe celebrarase do 21 de febreiro ao 1 de marzo, aproveitando as datas sen actividade académica arredor da celebración do Entroido en Ourense. Concretamente, explican desde a organización, participarán na viaxe estudantes de grao, mestrado, doutoramento, egresados e egresadas recentemente, profesorado e un conservador-restaurador.

A cultura dos hititas

O obxectivo destas viaxes, explican desde a súa organización, é ofrecer ás e aos participantes viaxes culturalmente atractivas, centradas na temática arqueolóxica e patrimonial, pero moi diferentes dos paquetes turísticos convencionais. Ata o momento, os destinos escollidos foron en 2010 Inglaterra, en 2011 Turquía, en 2012 Alemaña, en 2013 Grecia, en 2014 Italia, en 2015 Turquía, en 2016 Bélxica, en 2017 Marrocos, en 2018 Italia e en 2019 Bulgaria. “É a terceira vez que vamos a Turquía. A primeira vez fomos a Istambul e á costa oeste e a segunda á costa sur e centro. Esta vez vamos a Istambul e á parte norte, a Anatolia”, comenta Fermín Pérez, profesor impulsor desta iniciativa. En clave de épocas históricas, a viaxe, comentan desde a organización, permitirá ás e aos participantes coñecer, ademais do patrimonio cultural da capital, Istambul, cidades gregas, romanas, bizantinas e xacementos da cultura hitita e doutros reinos da zona, como son os frigia e pyrgia. Así, no seu percorrido polo país visitarán a cidade frigia de Gordion, a cidade pyrgia de Midas, a cidade romana de Antioquia de Pisidia e a cidade grecorromana de Nicea, ademais de xacementos hititas.

“Estamos desexando xa marchar, temos moitas ganas de facer esta viaxe”, comenta Alba Crespo, alumnado de terceiro curso do Grao en Xeografía e Historia da Facultade de Historia que participa na organización da viaxe. O ano pasado ela foi unha das participantes na viaxe arqueolóxica a Bulgaria e este ano deu un paso máis implicándose na súa organización. “O curso pasado participei por primeira vez nestas viaxes e aínda que non coñecía case a ninguén e a experiencia foi moi boa. Este ano animeime a repetir pola experiencia tan enriquecedora que supón saír a un país diferente con xente que está estudando o mesmo ca ti”, comenta a alumna. Ademais, engade, este ano involucrouse na súa organización como membro da Delegación de Alumnos por considerar que “todos os que veñen detrás merecen que estas excursións continúen”.