DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado de Educación Social realiza unha mostra sobre os estereotipos de xénero

31 fotografías para rachar o de que “isto é de mulleres, isto é de homes”

A exposición está situada na entrada do Edificio de Ferro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI Ourense 12/12/2019

Un home palillando, unha nena disfrazada de Capitán América, unha moza arranxando unha moto, un pai de familia facendo a compra no supermercado, uns nenos xogando cunha cociña, un mozo maquillándose... Estas e outras imaxes conformar a exposición Rompendo estereotipos que desde esta semana está instalada na entrada do Edificio de Ferro do campus de Ourense. Con ela, alumnado de segundo curso do Grao de Educación Social, da Facultade de Ciencias da Educación, quere pór en evidencia que hai que rachar co “isto é de mulleres, isto é de homes”.

A exposición, explican as e os seus responsables, foi realizada ao longo do primeiro cuadrimestre por 23 alumnas e alumnos no marco da materia Xénero e Educación Social, impartida pola profesora Carmen Armada. En nome do grupo, a estudante Fátima Foade explica como a idea de levar a cabo esta iniciativa xurdiu da inquedanza da mestra e de alumnado por facer algo innovador e do traballo en equipo e implicación da clase. Neste caldo de cultivo, sinala, naceu o proxecto de facer unha mostra fotográfica para rachar os estereotipos de xénero que ilusionou a todas e todos polo reto de “captar en imaxes a crítica social e poder traballar a conciencia crítica e reflexiva do público, ademais de fomentar a sensibilidade e o gusto polas artes e por outras maneiras de facer, sen que teñan que ser escritas, xa que poden ser visuais, auditivas, sensitivas…”.

Fomentar a conciencia crítica

Lanzado o reto na clase, Fátima Foade sinala que “todas aceptaron sacalo adiante”, collendo o nome de XES1. De Xénero e Educación Social. Sobre o proceso de elaboración da mostra durante arredor de tres meses, a estudante destaca como “todas fomos protagonistas: houbo quen fixo as fotografías, quen as editou, quen buscou os espazos, o decorado e as persoas a fotografar, quen pensou nos estereotipos, quen contactou coa xente, quen imprimiu as imaxes, quen mercou o material e quen recadou os cartos, pois a mostra está costeada por nós e a mestra”, comenta. Todo este esforzo, indica a estudante, “uniunos moito como grupo e como futuras educadoras sociais”. Froito do traballo realizado, a exposición está formada por 31 fotografías seleccionadas entre as moitas realizadas. “Unha imaxe non ten sentido sen a outra, ao igual sucede co traballo en equipo, co traballo multidisciplinar, co traballo en rede”, sinala Fátima Foade recalcando o proceso de aprendizaxe desenvolto durante o proxecto. Así, explica, traballaron en pequenos grupos, seleccionando diferentes ámbitos, desde a infancia á vellez, e desenvolvendo en equipo a idea de cada fotografía.

Na mostra e nas fotografías escollidas, explica Fátima Foade, “a nosa mensaxe principal é a necesidade de rachar cos estereotipos de xénero, fomentar a conciencia crítica e a igualdade de xénero”. A iniciativa, recalca, “nace para desmentir os estereotipos que foron marcados ao longo de tantos anos, tanto sobre homes como sobre mulleres, e nos que a muller está relegada ao ámbito privado, ao papel de nai e muller, invisibilizada en eidos como a filosofía, a arte... e os homes non poden preocuparse pola súa estética, polos coidados, etc”. Neste marco, subliña, “queriamos darlle a volta aos estereotipos”. A elaboración do proxecto, engade a alumna, fíxolle ás e aos participantes darse conta “de que todo está superdefinido, moito máis do que pensabamos a priori” respecto a que “isto é xénero feminino e isto é xénero masculino”. “Estamos envoltos en todo iso e temos que acabar con elo”, recalca Foade.

“Moi contentas co resultado e co traballo en equipo feito”, desde o grupo organizador recalcan o seu desexo de que a xente poida gozar da mostra e que cada imaxe lle faga reflexionar sobre a realidade arredor dos estereotipos de xénero. Cada fotografía está numerada e ao carón da exposición convídase ao público a propor un título a cada imaxe no que rachar con estereotipo que aborda. Aínda pendentes de coñecer ata cando estará a exposición na entrada do Edificio de Ferro, as e os seus responsables adiantan que “pretendemos que sexa unha mostra itinerante e compartila máis alá da nosa facultade. Queremos que estas imaxes cheguen a toda a xente posible”.