DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Adrián Presas analizou na súa tese o poder nas sete cidades galegas entre 1939 e 1951

4840 nomes para explicar como a ditadura franquista creou as súas elites políticas locais

No estudo nega que o réxime fose continuista co caciquismo de épocas anteriores

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 03/12/2019

“Clarificar a construción da ditadura franquista a nivel local en Galicia a través dos consistorios municipais das sete cidades galegas”. Este é o obxectivo que se marcou o historiador Adrián Presas na súa tese de doutoramento. Para acadalo, nela analiza 4840 nomes que formaron parte das elites políticas e do poder local na Galicia urbana entre 1939 e 1951. Entre as súas conclusións rebate a consideración de que “a ditadura foi un sistema continuista do caciquismo de épocas anteriores”.

A tese foi presentada este curso académico na Facultade de Historia do campus de Ourense baixo a dirección do profesor Julio Prada. “O que pretendemos nesta tese foi estudar a continuidade e descontinuidade das elites políticas nas sete cidades galegas entre 1917 e 1951”, comenta o historiador. A elección de 1917 como punto de arranque, detalla, débese a que “foi o ano no que se produciu a revolución rusa e que supuxo unha crise de identidade para a dereita europea, española e galega, que viron a aplicación do modelo comunista nun país europeo”.

Na súa investigación Adrián Presas afondou na orixe dos homes que ocuparon os cargos municipais nas cidades galegas na ditadura franquista no período estudado, realizando unha base de datos con 4840 nomes. Froito da análise destes datos a tese conclúe que “o réxime que máis elites destruíu foi a ditadura de Primo de Rivera, moito máis que a etapa da Segunda República ou da Restauración borbónica”. A ditadura franquista, detalla o historiador, “comezou a súa andadura botando man dos homes de sempre, aqueles que foran concelleiros en épocas anteriores a xullo de 1936. Pero a partir de outubro de 1937, a cousa cambia e comezan a ocupar os cargos municipais con homes sen experiencia política previa ou que comezaran a tela en xullo de 1936”. A conclusión fundamental do seu estudo, subliña Adrián Presas, é que “a pesar do que vén dicindo a historiografía sobre a ditadura franquista no mundo local, que considera a ditadura como sistema continuista do caciquismo de épocas anteriores, demostramos que o réxime configúrase con elementos propios que nada teñen que ver co anterior a xullo de 1936”.

Experiencia e nivel socioeconómico

“O que se viviu nas cidades galegas dende o preciso instante no que se produciu o golpe de Estado de xullo de 1936 foi un proceso de construción das elites políticas urbanas e de toda a trama institucional que esas empregarían no seu día a día”, comenta Adrián Presas. Segundo recolle a tese de doutoramento, a análise dos homes que constituíron a elite política urbana galega ofrece varias claves interpretativas. Por un lado, detalla, obsérvase a recorrencia a homes cunha determinada experiencia anterior no campo da política municipal; “homes que, unha vez iniciado o golpe de estado de xullo de 1936, comezaron o seu proceso de asociación e identificación pública cos postulados do movemento”.

Pola outra banda, engade Adrián Presas, iniciouse a creación dunha elite propia ditatorial con elementos que careceron de traxectoria política previa a xullo de 1936; “homes que se asociaron e identificaron co movemento polo que de defensor dos seus intereses persoais e colectivos tivo para eles”. A observación da orixe socioeconómica da maioría deles, sinala Adrián Presas, apunta a que a ditadura preferiu a aqueles que contaron cun traballo estable. “Semella que as autoridades da ditadura franquista puxeron todo o seu esforzo na creación dunha elite política fundamentada nun binomio determinado: a experiencia política previa á ditadura, sumada a unha posición económica desafogada resultaría o modelo ideal de xestor municipal ou concelleiro para as autoridades ditatoriais. É dicir, que a ditadura franquista sustentou o seu crecemento político e administrativo nunhas elites políticas determinadas pola súa orixe política e polo seu nivel económico e social”, sinala o xa doutor.

Na tese, engade o historiador, tamén estudaron a figura dos gobernadores civís galegos, interesándonos por cal foi a súa actuación administrativa. “Descubrimos que unha das súas grandes preocupacións foi a fame entre a poboación. Ata tal punto estaban preocupados que temeron que os cidadáns puidesen rebelarse contra as autoridades da ditadura”, afirma Adrián Presas.