DUVI

Diario da Universidade de Vigo

aa

aa

aa

Etiquetas
  • Estudantes
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 21/02/2020

O alumnado da Universidade de Vigo poderá solicitar ata o vindeiro 28 de febreiro as bolsas comedor, axudas coas que a Universidade quere axudar a garantir a igualdade de oportunidades de aquel alumnado que teña unha situación económica que poida dificultar o seu acceso ou permanencia na universidade. O orzamento máximo destinado a estas axudas é, ao igual ca no curso anterior, de 280.000 euros, polo que o número de bolsas ofertadas ascenderá a 560, dotadas cada unha delas cunha contía de 500 euros.

Na anterior resolución, “o número de solicitudes recibidas foron 1269, chegando a cubrir así o 44,13% das bolsas solicitadas”, subliña Rosa Graña, xefa do Servizo de Axudas ao Estudo, Bolsas e Prezos Públicos. Porén, no caso de que este ano non se cubran todas as prazas e, polo tanto, non se esgote o crédito, incrementarase a contía da bolsa nunha cantidade igual para todas as persoas beneficiarias ata esgotar o orzamento. 

Para a obtención desta bolsa, o alumnado non so deberá estar matriculado no presente curso, senón que dita matrícula deberá ser ou de curso completo ou de 60 créditos. A maiores, aqueles que continúan os seus estudos deberán ter superado no curso anterior polo menos o 50% dos créditos, en graos da rama de Enxeñaría e Arquitectura. O 60% no resto de titulacións de grao e o 80% en titulacións de máster. Ademais, a renda per cápita anual familiar non poderá superar os 4.000€ e o patrimonio familiar tampouco poderá sobrepasar certos límites, que poden comprobarse no texto da convocatoria. En caso de ter presentado a solicitude de bolsa xeral do Ministerio de Educación (MEFP), non será necesario presentar esta documentación de novo, pero si facer a solicitude, a cal poderá realizarse dende a secretaría virtual da universidade.